Estafan 10.000 euros a un veciño de Ponte Caldelas en investimentos en criptomonedas
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Pontevedra identificou a unha muller de 41 anos, veciña de Baiona, como sospeitosa dunha estafa de investimentos en criptomonedas a un veciño de Ponte Caldelas por un valor de 10.000 euros.
O Equipo @ da Garda Civil de Pontevedra investiga a esta persoa pola súa presunta implicación nun delito de estafa no marco da operación 'Anitesk'.
A operación iniciouse en novembro do pasado ano por mor dunha denuncia dun veciño de Ponte Caldelas, vítima dunha estafa de investimentos en criptomonedas coñecida como estafa de investimento (estafa de manipulación).
Este veciño investiu fai cinco anos 250 euros en criptomonedas e non volveu ter noticias do seu investimento ata principios de novembro de 2023, cando recibiu unha chamada da empresa coa que supostamente realiza o investimento informándolle de que as súas ganancias están retidas e para recuperalas debe realizar unha transferencia de 2.600 euros.
A persoa que lle contactou díxolle que debía instalar a aplicación ANYDESK e así o fixo. En días posteriores comproba que realizaran desde a súa conta unha transferencia de 10.000 euros a outra conta, da que sería beneficiaria a investigada.
Os axentes fixeron seguimento da transferencia realizada polos ciberdelincuentes e, grazas á prontitude da investigación, púidose bloquear a transferencia de 10.000 euros. E agora o caso está en mans do Xulgado de Garda de Pontevedra.
Nestas estafas de investimento, os estafadores prometen un enorme rendemento demandando canto maior é o investimento e solicitan á vítima que instale no seu dispositivo unha aplicación de escritorio remoto ANYDESK , que lles permite tomar o control do dispositivo da vítima desde calquera lugar, unicamente con dispoñer de acceso a internet. Unha vez que teñen o control do teléfono móbil, realizan a transferencia bancaria.
Para evitar este tipo de estafas, a Garda Civil comparte estes consellos:
. Traballar con criptomonedas contrastadas no mercado.
. Comprar a través dunha plataforma fiable.
. Non descargar apps antes de traballar coa plataforma.
. Comprobar recensións da internet.
. Non aceptar agasallos ou descontos en criptomonedas.
. Manter separadas as túas contas bancarias e as de criptomonedas.
. Protexer as claves privadas.