Nélida Cid, María Jesús Prieto e Ana Rivas: as pegadas de tres pontevedresas pioneiras na Xustiza
Por Natalia Puga
A Cidade da Xustiza de Vigo rendeu homenaxe este xoves, 7 de marzo, na víspera do Día Internacional da Muller a dez pioneiras no ámbito da Xustiza en Galicia. Entre elas, tamén deixaron a súa pegada tres profesionais moi vencelladas a Pontevedra.
Organizada polo Decanato e os colexios de avogados e procuradores de Vigo, esta homenaxe incluíu a Nélida Cid Guede, presidenta da sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade do Lérez; a María Jesús Prieto Toranzo, letrada da Administración de Xustiza na sección primeira da Audiencia Provincial na súa sede de Rosalía de Castro; e á fiscala xa xubilada Ana Rivas Santaló, vencellada na recta final da súa carreteira a esta cidade.
As tres forman parte de dez profesionais do ámbito xudicial convertidas xa en referentes para as súas compañeiras e para as futuras xeracións.
O acto estivo presidido por José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG); e contou coa presenza do xuíz decano de Vigo, Germán Serrano Espinosa; a decana do Colexio da Avogacía, Lourdes Carballo Fidalgo; e a vicedecana do Colexio de Procuradores, Gisela Álvarez Vázquez; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha.
A listaxe das mulleres homenaxeadas completárona a avogada María Romana San Luis Costas; a funcionaria xudicial Amparo Fernández Feijóo; a procuradora María Teresa Muíños Torrado; Ángela Domínguez Viguera Fernández, maxistrada da sección primeira da Audiencia Provincial de Ourense; Magdalena Fernández Soto, maxistrada da sección sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra; Susana García-Baquero Borrell, fiscala xefa da área de Vigo; e Begoña Rodríguez González, presidenta da sección sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra.