A Policía Autonómica en Pontevedra prestou vixilancia e protección a 35 vítimas da violencia de xénero ao longo de 2023
Por Redacción
A Policía Autonómica prestou vixilancia e protección a 35 mulleres vítimas da violencia de xénero na xefatura da unidade de Pontevedra ao longo de 2023, segundo o informe do ano elaborado polo corpo policial.
A Policía Autonómica asumiu competencias nesta materia en setembro de 2016, tras asinar un protocolo de coordinación coa Xefatura Superior de Policía de Galicia que supuxo, entre outros aspectos, integrar o punto de coordinación das ordes de protección de Galicia co sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero (Sistema VioXen). Posteriormente, os axentes recibiron formación específica, tanto teórica como práctica.
As funcións que desenvolven os axentes pasan, fundamentalmente, por desprazar medios ante avisos de episodios de violencia, en colaboración coa Policía Nacional; prestar atención singularizada á vítima, a través de información detallada sobre procedementos legais, institucións de apoio...; o traslado das vítimas ao centro asistencial cando fosen agredidas, así como á comisaría para proceder á denuncia; a recollida de datos sobre o agresor e posta en marcha de medidas de seguridade oportunas; e a adopción das medidas de protección establecidas nos correspondentes protocolos, tendo en conta o nivel de risco da vítima.
DETENCIÓN DE 11 PERSOAS
En toda Galicia, o traballo dos efectivos da Policía Autonómica do sistema VioXen permitiu a detención de 11 persoas ao longo de 2023. Neste período tamén realizaron outras actuacións destacables como preto de 33.300 accións de vixilancia na contorna da vítima ou do agresor, ou máis de 7.200 contactos coas vítimas ou agresores. Ademais realizáronse 1.389 acompañamentos á vítima en accións como acudir aos xulgados, á comisaría ou á recollida de pertenzas, e elaboráronse máis de 2.700 informes e valoracións de risco.
As actuacións inícianse de oficio, a instancia das vítimas ou por requirimento de terceiros, en calquera das sedes da unidade, pero de forma habitual actúase a pedimento do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, desde onde se centralizan a maioría das alarmas relacionadas con esta materia.
Así pois, a pesar da perda de efectivos e de asumir outras funcións que precisan de persoal operativo permanente como a vixilancia dos roteiros xacobeos, a loita contra o furtivismo ou os delitos relacionados co medio ambiente, a Policía Autonómica segue mantendo o nivel de actividade en materia de violencia de xénero con 6 axentes máis que os 86 de media anual entre 2016 e 2021.
A Policía Autonómica conta cun total de 351 axentes, o 70% dos 500 que lle corresponderían, motivo polo que o Goberno galego xa reclamou en reiteradas ocasións ao Ministerio do Interior que cubra as prazas vacantes.
Relacionadas:
-
8M | 'Feminismo organizado, patriarcado derrotado'
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Detectan unha 'preocupante frecuencia' de normalización ou negación da violencia dixital entre as mozas
Por Redacción |
-
8M | A Deputación conmemora o Día da Muller advertindo de que a igualdade "se debilita coa confrontación"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |