O presidente da Deputación ve "xustificado" un pleno extraordinario só para que tome posesión unha deputada
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, saíu ao paso das críticas do grupo provincial do PSdeG-PSOE que sinalou como "unha auténtica tomadura de pelo" a convocatoria dun pleno extraordinario para este próximo mércores co único punto na orde do día da toma de posesión dunha deputada.
Luis López entende que está "máis que xustificado" este pleno extraordinario e dille aos socialistas que "se queren que non veñan".
A portavoz do PSdeG-PSOE, Ana Laura Iglesias, mostrou a súa "perplexidade" ante "semellante dilapidación de recursos públicos" para un pleno "baleiro de contido" no que só figura a toma de posesión como deputada de Luisa Sánchez Méndez que entra na Corporación para substituír a Marta Fernández-Tapias "despois da súa precipitada saída".
Iglesias subliñou que este acto "que levará tan só uns minutos" custaralle á Deputación "case 10.000 euros" polo que "é incomprensible esta decisión" cando esa toma de posesión "podería facerse sen ningún problema no pleno ordinario de marzo". "Esta provincia non está para estes dispendios", engadiu.
O mandatario provincial sinalou as "dificultades" existentes para celebrar o pleno do mes de marzo "por ser Semana Santa" o que provoca que se atrase o pleno ordinario ao mes de abril. "Polo tanto, nós entendemos que debe tomar posesión para seguir traballando pola provincia", indicou Luis López.
"Nós estamos aquí para gobernar", dixo o presidente provincial "conformamos o equipo de goberno catorce persoas e debemos estar dispoñibles canto antes".
En canto ás competencias que asumirá Luisa Sánchez o presidente da Deputación de Pontevedra manifestou que é algo que "despois da toma de posesión definiremos".
Relacionadas:
-
Luisa Sánchez renuncia como directora de Recursos Humanos da área sanitaria
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A incorporación de Luisa Sánchez leva a Rafa Domínguez a ocupar a vicepresidencia primeira da Deputación
Por Anxo Lourido |
-
Luisa Sánchez tomará posesión como deputada provincial tras a renuncia de Marta Fernández-Tapias
Por Oskar Viéitez |