Moraña inicia un ciclo de actividades para axudar no coidado da saúde dos veciños
Por Redacción
O Concello de Moraña inicia esta semana unha serie de actividades que pretenden axudar no coidado da saúde dos veciños do municipio.
A iniciativa, que se pon en marcha con intención de continuidade en próximas edicións, leva por nome 'Moraña coida de ti'. Xunto ao Concello esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e da enfermeira e veciña de Moraña, Mari Cruz Gago.
A primeira proposta é a charla: Por que os homes teñen que ir ao urólogo?. Será este venres 15 ás 20.00 horas no Edificio Multiusos e está dirixida á poboación masculina maior de doce anos. Ofreceraa o urólogo do Hospital Montecelo, Juan Andrés González Dacal e Leticia Ruibal Gago, médico residente no mesmo Hospital. Tras a exposición atenderán as preguntas que se expoñan.
Máis adiante iranse dando a coñecer as seguintes accións que inclúen ademais doutras conferencias, seminarios e iniciativas sobre temas de interese sanitario e médico, sempre abertas á participación de toda a poboación.
"Desde o Concello queremos sumarnos decididamente ao coidado dos veciños de Moraña, con especial fincapé na prevención, a información e a promoción de hábitos saudables", dixo o alcalde, Sito Gómez.