Piden máis compromiso ao Concello de Marín na protección da mámoa de Pedralonga
Por Redacción
A mámoa de Pedralonga, tamén coñecida como a de Chan de Castiñeiras II, por estar situada no espazo natural de Castiñeiras e en terras da comunidade de montes de Santomé, é unha cámara funeraria de gran impacto visual para os visitantes.
Formada por dez pedras de gran tamaño vertical, situadas nun espazo poligonal, cun corredor que se abre cara ao leste atópase afectada pola construción dunha estrada, anos atrás, impulsada pola Xunta de Galicia.
O BNG de Marín quere alertar ao goberno local que dirixe a alcaldesa María Ramallo de que é necesario adoptar un papel máis activo na protección de Pedralonga, do mesmo xeito que co resto de patrimonio do municipio.
Pide que se traballe en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e coa comunidade de montes de Santomé para establecer medidas que protexan estes elementos de valor histórico e cultural.
A formación nacionalista levará ao pleno do 14 de marzo unha moción instando a esas medidas de protección inmediatas para o xacemento coa delimitación dunha zona perimetral para restrinxir o paso; instalación dunha barreira de madeira para previr o estacionamento de vehículos nas proximidades e a creación de paneis informativos para divulgar a historia e a importancia deste espazo.