En marcha a Ruta das Mámoas para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico de Marín
Por Redacción
Poñer en valor o patrimonio arqueolóxico de Marín é o obxectivo do Goberno local e do arqueólogo Juan Castro a través do Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico.
Para iso, a concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, e Castro reuníronse esta semana co fin de impulsar unha nova ruta: a Ruta das Mámoas de Marín.
Trátase de tumbas neolíticas, as dos primeiros agricultores do noroeste peninsular, que se construíron e usaron entre hai 6.500 e 4.000 anos. Entre as que se poderán visitar están algunhas das máis coñecidas de Galicia, como Pedralonga e Chan de Armada.
O sendeiro será lineal de 3 quilómetros, entre o Lago Castiñeiras e o parque forestal de Lagocheiras. Neste percorrido se poden visitar ata 13 mámoas, todas no monte común de Santomé de Piñeiro excepto dúas situadas no concello de Vilaboa pero ao pé da senda, na necrópole de Outeiro de Ombra. Dende Lagocheiras se poderá ampliar o percorrido 750 metros para visitar a mámoa de Chan de Xaxán.
Á senda se poderá acceder a través de dúas entradas, unha en cada extremo, sendo de ida e volta, polo tanto 6 quilómetros ou 7,5 para quen tamén se achegue a coñecer a mámoa de Xaxán. É un trazado de baixa dificultade, accesible a practicamente todo tipo de persoas, debido ás pendentes suaves e á súa curta lonxitude.
Estará equipada con sinalización e paneis interpretativos, que tratarán distintos temas que permitirán ao visitante saber que son e como se fixeron estas tumbas, ademais de coñecer distintos aspectos da vida dos seus construtores.
O proxecto, tal e como explicou a edil, acaba de contratarse e están coa súa redacción para conseguir as autorizacións pertinentes.