Carme da Silva fala do "Eixo Atlántico" e o presidente do Senado corríxelle para que fale "en castellano"
Por Oskar Viéitez
Durante a sesión de control ao Goberno no Senado, celebrada este martes, produciuse unha curiosa anécdota: interviña a pontevedresa Carme da Silva, senadora do BNG, que se dirixía ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez para reclamar que os Orzamentos Xerais do Estado de 2024 reflictan o compromiso de dotar a Galicia dun servizo ferroviario de proximidade, tal e como pactou o Bloque e o PSOE no seu acordo de investidura.
Carme da Silva estaba a se dirixir a Pedro Sánchez en español, e no seu discurso pediu "completar el Eixo Atlántico" cando foi interrompida polo presidente da Cámara, o popular Pedro Rollán que lle corrixiu: "Señoría, le ruego que prosiga usted en castellano, si es tan amable. Muchísimas gracias".
A senadora nacionalista respondeu confundida: "Como decía antes el presidente, lamentablemente, en esta Cámara no se pueden utilizar las lenguas oficiales del Estado y a mí, la verdad, se me va".
"Eixo Atlántico" lembrou Carme da Silva un pouco máis tarde "es como se denomina".
Á marxe desta anécdota, a senadora do BNG lembrou a Sánchez que Galicia "es de las pocas comunidades autónomas de su tamaño y población" que non ten "Cercanías", a pesar de ter áreas urbanas como a de Vigo e Pontevedra, cuns 700.000 habitantes, ou a da Coruña e Ferrol, con ao redor de medio millón.
"Necesitamos más y mejores servicios ferroviarios, adaptados a las necesidades de la población gallega para la movilidad diaria", destacou a senadora pontevedresa que tamén esixiu ao Goberno que poña data á chegada dos novos trens Avril; que revise os prezos "escandalosos" dos Alvia e a conexión de alta velocidade entre Vigo e a cidade portuguesa do Porto.
O presidente do Goberno manifestou a súa vontade de cumprir o acordo de investidura.
Relacionadas:
-
Renfe pon á venda máis de 39.000 billetes semanais nos servizos de Alta Velocidade Galicia-Madrid
Por Oskar Viéitez |
-
A estación de Pontevedra contará con 14 puntos de recarga de vehículos eléctricos
Por Redacción |
-
O PP presenta unha moción para que o Concello de Pontevedra esixa ao Goberno a chegada dos trens Avril
Por Oskar Viéitez |