O colexio Sagrado Corazón organiza numerosas actividades para celebrar o ano xubilar
Por Oskar Viéitez
O 15 de marzo de 1824 foi o día do nacemento de Jules Chevalier, fundador dos Misioneiros do Sagrado Corazón de Xesús, titulares en Pontevedra do Colexio Sagrado Corazón de Xesús. Entón, este 2024 é un ano xubilar para toda a congregación e en particular para a comunidade educativa do centro escolar.
Co gallo da celebración deste bicentenario, prepararon diversos actos para os días 14 e 15 do presente mes.
O lema do curso escolar é "Desde o Corazón" e con el estanse a elaborar uns proxectos interdisciplinares. No acto inaugural, alá polo mes de setembro, empezaron os primeiros latexos do proxecto coa testemuña de persoas vencelladas ao colexio que presentaron diferentes perspectivas do corazón desde os seus ámbitos profesionais: O xornalista Javier Sánchez de Dios; o preparador físico de alta competición Omar González; o arquitecto Ricardo Aguilar; o filólogo Pedro Basalo; o cardiólogo Miguel Piñón, e o misioneiro Jaime Rosique.
As actividades para estes dous días de celebración comezan este xoves cunha obra teatral do alumnado de primaria que representarán "Xulio Chevalier: Historia dunha misión". Ao mediodía haberá un Bocata Solidario en favor de Mans Unidas. "A solidariedade está no ADN do proxecto educativo do Sagrado", destacan desde o colexio que ten como lema "Sermos para os demais".
Aproveitando a presenza da presidenta de Mans Unidas, Ilda Piñeiro, descubrirán unha nova placa conmemorativa no seu particular "Paseo da Fama Solidario" donde, ano tras ano, van poñendo en valor aquelas institucións coas que colaboran desde hai moitos anos.
Para finalizar a xornada do xoves, Xosé Manuel Domínguez, filósofo e director do Instituto da Familia de Ourense, dará unha charla aberta á toda a comunidade e ao público en xeral titulada "Educar desde o corazón: O arte de saber acompañar e coidar".
O venres, ademais das eucaristías de Acción de Gracias, celebrarán o acto central pensado como un "happening" no que haberá cantos, dinámicas e "alguna sorpresa". Ademáis están previstas actividades deportivas, xogos segundo diferentes disciplinas académicas... e rematarán as actividades cunha conferencia de César Bona titulada "Educar en pocas palabras".
Desde o Sagrado aproveitan esta efemérides para dar as grazas aos miles de alumnos e ás familias que levan crendo neste proxecto de case sete décadas en Pontevedra.