A Policía Local, sen calefacción nin auga quente desde hai dez días
Por Redacción
Desde hai máis dunha semana, concretamente desde o pasado 6 de marzo, as dependencias da Policía Local están sen calefacción e sen auga quente. Así o denunciaron este venres os representantes do Sindicato Profesional de Policías Municipais de España (SPPME).
O motivo, segundo subliña este sindicato, por falta de gasóleo nos depósitos do Pazo da Cultura, onde se atopa situadas estas dependencias policiais.
Os delegados de persoal lamentan que se actúe con "semellante desprezo" cara aos axentes municipais, que ocupan unhas instalacións "que non cumpren os requisitos mínimos esixidos".
Á existencia de pingueiras "por todos os lados" ou os "parches continuos" no mantemento, suman agora que están sen calefacción en pleno inverno e, tras o servizo, os policías se teñen que duchar en auga fría, entre outras deficiencias.
"Somos a Policía Local máis maltratada con respecto ás outras seis grandes cidades de Galicia e isto non é palabrería, é un feito contrastable", afirman desde o sindicato policial.
A esta denuncia sumouse tamén o grupo municipal do PSdeG-PSOE, que considera unha "auténtica vergoña" que os axentes estean expostos a unhas condicións "incompatibles" cun adecuado desempeño do seu labor diario.
Consideran que este "lamentable episodio" é consecuencia da falta de previsión do goberno municipal, "especialmente grave" afirman ao coincidir co inverno.
Pero para os socialistas o que é "totalmente incomprensible" é que despois de case dez días non se resolvera esta situación, polo que esixen que se adopten as medidas necesarias para solucionar estas "deplorables" condicións de traballo.
Ao paso destas críticas saíu a edil de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, que asegurou que o problema se orixinou porque se esgotou a consignación orzamentaria para a adquisición de combustible e o Concello tivo que facer unha modificación de crédito.
Co novo contrato, afirma Vilaverde, esta situación quedará resolta "entre hoxe e mañá".
A concelleira do BNG asegura entender as queixas dos traballadores, pero considera un "cinismo extremo" que a elas se sume un partido político "que estivo bloqueando e obstaculizando" a aprobación do orzamento municipal para 2024.
Este bloqueo obrigou ao goberno municipal a resolver este tipo de problemas "a punto de cruz" durante o últimos tres meses, engadiu Eva Vilaverde, que censura que os socialistas "sexan os primeiros en protestar" tras manter esta postura.