Case 750.000 euros para renovar a iluminación pública en Moraña
Por Redacción
O Concello de Moraña comezará os derradeiros traballos de renovación do alumeado público e completará así os realizados en anos anteriores grazas a un investimento de 742.145 euros.
O alcalde de Moraña, Sito Gómez, supervisou este venres os traballos iniciais nas parroquias de Rebón e Lamas, e salientou que o proxecto está "perfectamente deseñado" despois dos estudos a pé de campo dos servizos técnicos.
Moraña conta en total con 61 instalacións de alumeado público e, ao longo dos anos anteriores, procedeuse á renovación de 18.
Neste sentido, o proxecto concíbese como unha derradeira fase na que se modernizarán as 43 instalacións restantes nas parroquias, substituíndo 1.423 puntos de luz por luminarias de tecnoloxía eficiente LED, a colocación de novos cadros de telexestión para favorecer a regulación, o rendemento e a eficiencia e a remuda de parte do cableado.
Con estes traballos todas as parroquias sairán beneficiadas, indicou o rexedor. Buscan o incremento da luminosidade das rúas, prazas, pistas e espazos públicos, a optimización da eficiencia enerxética desta rede, a redución das emisións contaminantes e a diminución da factura eléctrica do Concello.
Ademais, con esta derradeira renovación "haberá unha iluminación de primeira xeración con tecnoloxía punteira e un sistema de telexestión que servirá para monitorizar e controlar os puntos de luz en todo o momento, polo que se reduce o fluxo e a contaminación para preservar o medio ambiente; detectar os fallos e as incidencias en tempo real facilitando a súa reparación; e reducir o gasto eléctrico, o cal redundará en beneficio dos morañeses, xa que estes cartos poderán destinarse a outros investimentos e servizos", destaca o alcalde
Relacionadas:
-
Os servizos municipais de Moraña refórzanse coa incorporación de sete traballadores temporais
Por Redacción |
-
Moraña prevé investir 788.000 euros ata 2026 para modernizar o abastecemento de auga
Por Redacción |
-
Moraña renova o firme da EP-8201 en dirección Santa Xusta
Por Redacción |
-
A Deputación mobiliza 5,1 millóns de euros en materia de turismo, igualdade, reto demográfico e investimentos
Por Oskar Viéitez |