Morre un traballador en Vilanova de Arousa tras quedar atrapado nunha máquina de cortar madeira
Por Redacción
Un operario faleceu este luns en Vilanova de Arousa tras quedar atrapado nunha máquina de cortar madeira.
Aínda que a vítima foi liberada de inmediato polos seus compañeiros, non puido facerse nada para salvarlle a vida ante a gravidade das súas feridas.
O accidente laboral produciuse minutos despois das oito da mañá nunhas instalacións situadas na estrada de acceso á parroquia de Deiro.
Foi un familiar que traballaba co falecido quen o sacou da máquina e alertou ao 112 Galicia, que activou os protocolos correspondentes para a mobilización de recursos de salvamento, rescate e asistencia médica.
Ao lugar acudiron bombeiros do parque comarcal de Ribadumia, aínda que á súa chegada o operario estaba xa liberado e sen constantes vitais.
Neste operativo tamén interviñeron axentes da Garda Civil e da Policía Local de Vilanova e persoal sanitario do 061, que só puido certificar a morte do operario.