Recepción aos estudantes austríacos que participan nun intercambio co IES de Sanxenxo
Por Redacción
O salón de plenos do Concello de Sanxenxo acolleu este luns a recepción do alumnado e profesorado do IES Sanxenxo que participan nun intercambio cun centro educativo de Austria.
A concelleira de Educación, Nati Parada, que estivo acompañada da edil de Cultura e Eventos, Elena Torres, encargouse de darlles a benvida ao municipio e explicarlles o significado da bandeira de Sanxenxo.
Na recepción participaron nove alumnos de Austria xunto a dous profesores do mesmo país e tamén docentes e alumnado do IES Sanxenxo que formaron parte do intercambio estudantil.
"Somos un destino turístico elixido por moitas persoas. A nosa paisaxe, a nosa gastronomía e o noso clima fannos ser elixidos por miles de persoas cada ano para pasar as súas vacacións. Convidámosvos a coñecer este paraíso coas vosas familias", explicou Parada.
O Concello obsequiou aos alumnos con material turístico do municipio e como recordo para o centro educativo austríaco un cadro cunha fotografía desde Punta Cabicastro con Portonovo ao fondo.
O alcalde, Telmo Martín, quixo tamén achegarse a saudarlles e xuntos pousaron nunha foto de familia como recordo da visita.