Desarticulado un grupo criminal cando se dispoñía a dar un golpe en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil detivo a seis persoas integrantes dun grupo criminal cando se dispoñían a realizar un roubo na localidade de Sanxenxo. Impútaselles a comisión de vinte e seis delitos de roubos con forza en lavanderías de autoservizo en varias comunidades autónomas do noroeste de España.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, no marco da operación denominada "Lavamoney" investigouse a estas persoas que acaban de ser detidas e que son naturais de León, A Coruña e Barcelona.
Os axentes da Garda Civil, sinalan que entre decembro de 2023 e este mes de marzo de 2024, este grupo criminal perpetrou vinte e seis roubos repetindo un mesmo 'modus operandi': dous membros do grupo accedían ao interior do local e forzaban, extraían e introducían as máquinas de cambio en sacos, mentres o resto vixiaba no exterior e esperábanos no vehículo para a fuxida.
No curso das investigacións os axentes lograron identificar a todos os integrantes do grupo criminal, así como o papel que desempeñaba cada un dentro do mesmo.
O pasado mércores 13 de marzo a Garda Civil estableceu un dispositivo policial que culminou coa detención de todos os integrantes do grupo criminal, cando se dispoñían a realizar un novo roubo en Sanxenxo.
Nos rexistros practicados en varias localidades de León e A Coruña, acháronse as vestimentas e ferramentas utilizadas. O total do subtraído ascende a uns 20.000 euros.
Este servizo foi realizado polo Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Ponferrada, e colaboraron no mesmo o Equipo Roca da Garda Civil de Santiago de Compostela no marco da súa operación "Washcash" e a Comisaría de Policía Nacional de Ponferrada.
Os detidos, xunto coas dilixencias instruídas e os efectos intervidos foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución 3 de Ponferrada, que decretou o ingreso en prisión de tres deles.
Relacionadas:
-
Detido un veciño do Grove por estafar máis de 30.000 euros usando fraudulentamente unha tarxeta bancaria
Por Oskar Viéitez |
-
A prisión tras roubar en dezaseis lavanderías de Pontevedra, Vilagarcía, Sanxenxo e Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Detido "in fraganti" o autor de cinco roubos con forza en lavanderías da cidade nun prazo de 18 días
Por Redacción |