"Repulsa total" desde Pontevedra polo último crime machista de Ribeira
Por Redacción & Mónica Patxot
O asasinato machista de Andrea Yrrury en Palmeira, no concello coruñés de Ribeira, tamén tivo resposta institucional en Pontevedra. Este mércores, día seguinte ao crime, autoridades e representantes das Forzas de Seguridade gardaron un minuto de silencio ante a Subdelegación do Goberno na cidade para amosar a súa "repulsa total".
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presidiu este minuto de silencio, que convocou en sinal de condena e de dor polo asasinato.
Ao acto estaban convidados representantes do Concello de Pontevedra e da Deputación Provincial e acudiron concelleiros do BNG, o PSOE e o PP na capital.
Antes de gardar o minuto de silencio, o subdelegado aproveitou para manifestar a "repulsa total do Goberno" ante este asasinato machista e reiterar o seu compromiso "para seguir traballando todos os días e sen descanso na erradicación de calquera forma de violencia sobre as mulleres".
Losada tamén trasladou as súas condolencias e o seu afecto á familia da falecida, de 24 anos e cun fillo de curta idade.
O seu crime foi cualificado como machista este mércores pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero. É a vítima 68 da violencia de xénero en Galicia dende o ano 2003.
Con este novo crime, son 7 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas no que vai de ano en España. Desde o inicio das estatísticas en 2003, 1.247 mulleres foron asasinadas en España por crimes machistas.
Este mércores tamén se gardou un minuto de silencio para condenar este asasinato ás portas da delegación territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra.