Promoven unha andaina o mércores 27 para fomentar o deporte en Ribadumia
Por Redacción
O coidado da saúde converteuse nun dos temas principais para o Concello de Ribadumia neste mandato coa promoción de hábitos de vida saudable.
Desta forma, o mércores 27 de marzo celebrarase unha andaina con saída ás 11.00 horas do Centro de Saúde de Ribadumia, que se encarga da organización desta iniciativa. O goberno local recomenda inscribirse previamente no propio centro sanitario para participar nesta acción.
A intención é concienciar sobre a importancia da práctica de deporte saudable para mellorar o benestar corporal e mental. Lembran que realizar exercicio de maneira moderada mellora o humor e as actitudes vitais, entre outros beneficios.
Ademais, este mércores realizábase un curso de formación en primeiros auxilios no Concello para unha vintena de residentes no municipio.
Esta sesión buscaba capacitar ás persoas participantes con habilidades básicas para atender en casos de primeiros auxilios en situacións de emerxencia.
Durante a xornada abordáronse temas como a avaliación inicial dunha persoa en situación de perigo; a reanimación cardiopulmonar (RCP); o manexo de feridas e queimaduras; e tamén a administración de tratamentos de emerxencia antes da chegada dos servizos médicos para a atención do paciente.
A formación era impartida por profesionais da Federación Pola Igualdade dA Provincia de Pontevedra (FEMUPO).