Aparatoso envorco dun camión no Nó do Pino
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Efectivos da Policía Local e os Bombeiros de Pontevedra, Protección Civil e Urxencias Sanitarias de Galicia 061 acudiron ao mediodía deste xoves ao Nó do Pino ante un aparatoso accidente, o envorco dun camión en plena rotonda.
O accidente, protagonizado por un camión cargado de peixe, causou retencións circulatorias e pechou ao tráfico durante horas as estradas N-550 e PO-10, con importantes atascos en toda esa zona da cidade. Ás 20.25 horas, sete horas despois do sinistro, a circulación quedou restaurada.
O sinistro rexistrouse sobre as 13.15 horas deste xoves na zona da rotonda que sobe cara ao supermercado Lidl e Salcedo e, como consecuencia do envorco, quedou cortado o acceso a esta vía de circulación.
Desta maneira, tal e como confirmou a Policía Local de Pontevedra, quedou pechada a subida/baixada de San Blas á espera de que un guindastre acudira a retirar o camión.
A partir das catro da tarde, pechouse ao tráfico o Nó do Pino para a retirada do camión e só se autorizou o tránsito en dirección Pontevedra-Vigo. Os vehículos que circulan en dirección ao Marco.
Primeiro procedeuse ao cambio da carga deste camión para outro que se situou ao seu carón na rotonda e logo pechouse ao tráfico por completo para facilitar as manobras de retirada.
O operativo complicouse e a media tarde tamén quedou pechada a avenida Josefina Arruti, de tal maneira que procedeuse a desviar o tráfico cara á zona da Ría de Pontevedra ou polo hipermercado Carrefour.
A baixada por San Blas só quedou permitida para clientes do supermercado e veciños.
Aínda que nun principio unha das persoas que chamou ao 112 indicou que o condutor do camión estaba atrapado no interior do vehículo, durante a conversa xa sinalou que o camioneiro saíra ao exterior polo seu propio pé.