O xefe territorial de Educación compara ao Goberno de España cos nazis durante unha charla ante escolares
Por Oskar Viéitez
Unha charla sobre o Parlamento de Galicia celebrada este xoves no colexio Santiago Apóstol de Soutomaior e organizada polo Parlamento e pola Asociación de Ex-Parlamentarios derivou en graves insultos ao Goberno de España e ao seu presidente.
O acto trancurría con normalidade ante un auditorio conformado polo alumnado de cuarto da ESO e de Bacharelato. Ao chegar a quenda de preguntas, un dos alumnos pediu aos políticos a súa opinión sobre a lei de amnistía. Aí foi cando o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, que participou en calidade de ex-parlamentario do Partido Popular afirmou que o Goberno de España é "como o réxime nazi", que España é unha "república bananeira" e que o presidente, Pedro Sánchez, é "un autócrata".
Na charla participaron tamén a ex deputada socialista Leticia Gallego e o ex deputado do BNG e actual alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo.
Leticia Gallego recriminou a Pérez Ares a súa "lamentable intervención" alegando que supón un "evidente desprezo polas máis elementais regras da democracia".
A ex-deputada socialista preguntouse "se alguén que utiliza argumentos ultra, que insulta e que deslexitima ás institucións diante do alumnado está capacitado para ostentar o cargo de xefe territorial da Consellería de Educación".
Pola súa banda, o BNG pediu a dimisión ou cese do Xefe Territorial de Educación de Pontevedra "por lanzar insultos e fomentar condutas de odio nun acto con escolares".
No caso de que Pérez Ares non sexa cesado, o BNG levará ao Parlamento a súa reprobación, anunciou a deputada nacionalista Cristina Fernández, "non só pola gravidade das súas palabras senón polo foro no que se fixeron as afirmacións, diante do estudantado"