Instan ao Concello de Vilagarcía a que alegue contra o proxecto de Altri
Por Oskar Viéitez
O grupo local do BNG ven de presentar unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que insta ao goberno municipal de Vilagarcía de Arousa a elaborar alegacións en tempo e forma contra o proxecto de Altri en Palas de Rei, "polas afeccións que este tería sobre o río Ulla e, consecuentemente, en toda a Ría de Arousa".
Os nacionalistas tamén queren que o Concello de Vilagarcía promova alegacións veciñais e poña a disposición do conxunto da veciñanza modelos de alegación contra este proxecto.
Xabier Rodríguez, portavoz do grupo municipal do BNG no concello de Vilagarcía, considera que o proxecto para a implantación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa, promovido por Greenfiber S.L. no concello de Palas de Rei (proxecto Altri) tramitouse "con absoluta falta de transparencia e con enganos", xa que "durante máis de dous anos publicitouse unha factoría circular de fibras téxtiles e finalmente sóubose que o obxectivo principal será a produción de pasta de celulosa soluble, destinada preferentemente á exportación sen valor engadido e sen peche de ciclo".
"Estamos, xa que logo, diante dunha actividade industrial nin nada sostible nin moito menos circular, que terá, en distintos graos, un fortísimo impacto no territorio, no ambiente, no patrimonio cultural, nas actividades socioeconómicas, no río Ulla, na ría de Arousa e no modelo forestal", asegura o voceiro nacionalista.
O Bloque recoñece que se ben no concello de Vilagarcía non hai unha afectación directa polas infraestruturas deste proxecto, "a actividade desta empresa está directamente ligada ao río Ulla", pois prevé un consumo de auga directamente desde o río de 46.000 metros cúbicos ao día, o que supón máis do 10% do volume de auga do encoro de Portodemouros. E, por conseguinte, o Bloque advirte dun "vertido de augas industriais de 30.000 metros cúbicos ao día de volta ao río Ulla".
O BNG sostén que "este proxecto vai supor indiscutiblemente un empeoramento severo da calidade da auga do río Ulla, no seu curso final, que é o que afecta ao noso municipio, tanto polos vertidos como polo risco de eutrofización ao baixar o caudal do río nos tres encoros superpostos (Portodemouros, Brandariz e Touro), caudal que se verá comprometido en épocas de estiaxe".
A calidade actual das augas do Ulla ten sido cuestionada reiteradamente, así como o seu impacto na biodiversidade da Ría de Arousa e a productividade da mesma en termos de pesca e marisqueo; nomeadamente, no que afecta directamente ao municipio de Vilagarcía, ás praias e zonas de marisqueo de Carril, Sobradelo e Vilaxoán.