"Queremos traballar e non nos deixan", o berro das mariscadoras de Arcade
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Un grupo de integrantes da agrupación de marisqueo a pé da confraría Virxe do Carme de Arcade, en Soutomaior, concentrábase este luns no peirao e diante da sede da confraría de pescadores para denunciar o que consideran prácticas abusivas por parte do equipo directivo do que Gonzalo Reinoso é o patrón maior.
Na protesta coreaban: "queremos traballar e non nos deixan", denunciando a presión que están a recibir para desenvolver o seu labor durante os últimos anos.
Rita Míguez, presidenta do colectivo, manifestaba que existe unha situación "moi conflitiva" desde hai anos por parte do equipo directivo da confraría coa agrupación de mariscadoras: "Non nos escoitan, non nos axudan e chegan a aburrirte", afirma.
O conflito chegou ao límite estes días cando as mariscadoras a pé quixeron reparar un barco que levan utilizando desde hai 25 anos para acceder aos bancos marisqueiros e comprobar en que estado se atopan os moluscos. A dirección da confraría negoulle a reparación e, por tanto, o uso do barco xustificándose en que a agrupación mantén unha débeda.
Míguez explica que desde que a Consellería do Mar entregou o barco, todos os anos a agrupación de mariscadoras deixaba un depósito do 1% dos beneficios para mantemento da embarcación. "Quedaron moitos cartos nos primeiros anos", asegura. En 2022 houbo que realizar unha reparación importante do buque, segundo indica "por falta de mantemento". A agrupación de marisqueo a pé pagou a metade daquela factura como lle correspondía, afirma a presidenta, pero desde a confraría insisten en que continúa unha débeda e ata que a paguen van impedir que utilicen o barco para achegarse ata as zonas de extracción. "O arranxo do barco está pagado pero seguen encaprichados", apunta.
"Agora nos coaccionan e extorsiónannos polo barco e din que non o utilizaremos ata pagar esa débeda inxustificada, que inventan eles", manifesta Rita Míguez explicando que o barco volve atoparse avariado e que a confraría prohibiu que o mecánico se subira á embarcación, un elemento fundamental para que as integrantes da agrupación accedan aos bancos marisqueiros, aos que non se pode chegar directamente a pé.. "Hoxe e mañá tiñamos pedido para limpezas e para ver como están os bancos, pero o barco sen arranxar non se pode sacar", laméntase a representante do colectivo.
Solicitaron a intervención da administración e o luns 1 de abril manterán un encontro en Vigo con representantes da Consellería do Mar. O martes manterán unha asemblea no peirao de Arcade para trasladar a resposta por parte da Xunta, a quen demanda que investigue, como organismo regulador, a actuación da confraría.
SITUACIÓN CONFLITIVA
Rita Míguez como portavoz de todo o colectivo tamén denuncia o incremento excesivo que a confraría estableceu como cota anual. Pasouse de 50 a 650 euros. "Levantámonos en armas proque non se sabe a que se debe esta subida. Non se nos presenta nada. As cousas non se fan así", expón.
"Fan moita presión ao marisqueo a pé", alega Míguez, que lembra que os bancos marisqueiros que traballa este colectivo xeran moito diñeiro e moito traballo, aínda que agora sexan tempos de vacas fracas. "Levamos uns anos malos, pero hai que apoiarnos", sinala.
Ese apoio, con todo, non se fai efectivo, segundo relatan as mariscadoras. Elas propuxeron a posta en marcha dun proxecto turístico como noutras confrarías para ensinar a ría de Vigo utilizando o barco. A proposta foi rexeitada pola dirección da confraría. Tamén negaron proxectos de recollida de lixo da ría ou de instalación de tubaxes para fomentar a reprodución de moluscos.
Ante esta situación, Rita Míguez afirma que moitas integrantes da agrupación de marisqueo están "a buscar traballo por outro lado". Actualmente, ao redor de 70 mariscadoras conforman este colectivo en Arcade.
Relacionadas:
-
Ata o 22 de xullo non se volverá a mariscar na ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Confraría de Arcade demanda á agrupación de mariscadoras que asuma os gastos do barco para faenar
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
As confrarías recibirán axudas da Deputación para gastos correntes ante a caída da produción
Por Redacción |
-
Mariscadoras de Arcade, en loita contra a confraría: "Non nos queda máis remedio que manifestarnos"
Por Natalia Puga |
-
A Confraría de Arcade recibe unha axuda municipal para sementar ameixa
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta destaca o labor das confrarías para modernizar o traballo marítimo-pesqueiro
Por Redacción |
-
Mariscadoras e representantes da confraría de Arcade trasladan a súa preocupación pola situación da fábrica de Pontesa
Por Juan Manuel García Tajes & Redacción |