O PSOE quere que o Concello analice o ADN das cacas dos cans para multar aos donos
Por Oskar Viéitez
Na cidade de Pontevedra, a día de hoxe, hai 17.926 cans. Así consta no REGIAC (Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía), un rexistro informatizado onde se recolle toda a información dos microchips dos cans identificados en Galicia. Son 22 cans por cada cen pontevedreses.
Como dato curioso, na Boa Vila hai 10.700 menores de 14 anos. É dicir, hai máis cans que nenos na cidade.
Diante deste fenómeno, o Partido Socialista cre que é necesario que o municipio conte cunha ordenanza específica, da que agora carece, que fixe a normativa que regula a convivencia, posesión, utilización, exhibición e comercialización de todo tipo de animais no termo municipal.
O portavoz local do PSOE, Iván Puentes, e o concelleiro Marcos Rey presentaron este luns una proposición normativa impulsada polo grupo socialista para instar ao goberno local de Pontevedra a que redacte e aprobe unha Ordenanza de Benestar Animal.
O grupo municipal socialista di contar co apoio nesta inciativa dos colectivos animalistas Os Palleiros, Ohana, Aecam, Difusión Felina, Huellas Felinas, Adopcións Galicia, Galgos 112 e A Granxa de Fina, que colaboraron na elaboración do borrador.
Entre outras cousas, a Ordenanza que propón o PSOE esixiría a toda aquela persoa que teña can que acuda ao veterinario para tomarlle unha mostra de sangue ou saliva e rexistrar así o seu ADN. Este censo permitirá no futuro localizar aos donos dos cans que se perdan, sexan roubados ou abandonados. Ademais, o sistema serve para multar a quen non recolle a caca das súas mascotas, tal e como xa fan 80 cidades en todo o Estado.
O rexistro do ADN de cada animal tería un custo de 35 euros, e cada análise de feces sae por uns 40 euros.
A Ordenanza contempla un réxime sancionador con multas que van dos 100 aos 500 euros no caso de infraciones leves, ou de 501 a 2.000 euros no caso de que sexa grave, como pode ser o incumprir de maneira reiterada a obrigación de recoller os excrementos dos animais. As faltas moi graves serían sancionadas con multa de 2.001 a 30.000 euros.