A renovación das piscinas fluviais de Viascón incluirá a instalación dun chiringuito
Por Redacción
O goberno municipal de Cerdedo-Cotobade ten entre mans un proxecto para a mellora e acondicionamento das piscinas fluviais do río Cabanelas, ao seu paso por Viascón, que entre outras cousas inclúe a instalación dun chiringuito como o da praia fluvial de Cerdedo.
Este proxecto, deseñado pola arquitecta local Cristina García, está valorado nuns 108.000 euros.
Actuarase sobre as dúas piscinas. A máis baixa é a de baño xeral, destinada a todo público, que se alimenta directamente do río Cabanelas e presenta certa profundidade; mentres que a máis alta ten unha estrutura máis artificial e é menos profunda por estar destinada para os cativos.
Ao pasar a piscina fluvial, atópase o Muíño da Ponte, nomeado así por estar ao carón dun antigo viaducto do século XVIII, hoxe ocupado pola estrada.
Ademais está a coñecida como Fonte do Río e un conxunto de hórreos na contorna do ámbito, elementos de evidente valor patrimonial e etnográfico do lugar.
Outros dos elementos que configuran o lugar son unha zona de merendeiros que está precedida por un tobogán e un par de randeeiras que pretenden simular un espazo de xogo infantil e unha única mesa situada entre a fonte e a piscina fluvial.
As actuacións previstas supoñen unha rexeneración da aparencia do espazo, polo que coidarase o diálogo entre a funcionalidade e a estética, integrándose axeitadamente ao existente.
Deste xeito, ao leste créase unha explanada para colocar un chiringuito que preste servizos á poboación que vaia aos merendeiros e as piscinas. E ao norte e oeste, tamén fanse explanadas para gañar espazo ao terreo e ter zonas de estancia ao redor das piscinas.
Os muros que se van introducir servirán tamén como bancos e só se recolocará unha das mesas do merendeiro. Ademais, mellorarase o acceso ao lugar coa colocación dun pavimento que delimite as áreas de percorrido e se definirán algúns camiños para dirixir o itinerario do espazo.
Por outra banda, colocaranse listóns de madeira no borde da piscina infantil para garantir a seguridade de calquera que transite cos pés mollados, así como algunhas franxas verdes de drenaxe sostible entre as zonas de pavimento para recoller os fluxos das escorrentías.
Preservarase a vexetación existente, aínda que se introducirán tres novos exemplares de castiñeiro. Dous deles situaranse na zona de merendeiros co fin de completar a aliñación existente e o outro ubicarase fronte ao chiringuito, para dar sombra na época de calor.
O proxecto complétase unha nova iluminación en todo este espazo para garantir as condicións adecuadas de transito peonil, ademais de brindar a oportunidade de usalo durante todo o día.
Relacionadas:
-
Cubela acusa a Ernesto Filgueira de ter na ruína investimentos por valor de 300.000 euros en Viascón
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Advirten do mal estado das piscinas de Cabanelas en Viascón
Por Redacción | Creada e actualizada