34 persoas serán empregadas en Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro con financiación provincial
Por Anxo Lourido
Cunha dotación de 250.000 euros, os concellos de Cerdedo-Cotobade e de Campo Lameiro terán a posibilidade de contratar a un total de 34 persoas actualmente no paro, a través do financiamento previsto como activación de emprego dentro do programa +Provincia da Deputación de Pontevedra.
Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, informaba sobre este punto ao dar conta este venres dos temas aprobados en Xunta de Goberno Provincial na que se mobilizaban 2,6 millóns de euros.
Dentro do plan +Provincia tamén se destinaba unha partida de investimentos de preto de 910.000 euros para Cerdedo-Cotobade, A Estrada, O Porriño e Salceda de Caselas, mentres que outros 280.000 euros irán destinados a Baiona, Nigrán e Redondela para cubrir gasto corrente nestes municipios.
O presidente provincial destacaba os 600.000 euros que se destinarán ao programa +Música, que permitirá que agrupaciiones e artistas como Fillas de Cassandra, Guadi Galego, Astarot ou De Vacas, entre outras, actúen en municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes, entre os meses de maio e setembro. Subvencionaranse con cantidades que van desde os 3.000 aos 15.000 euros as actuacións musicais sempre que sexan en lingua e de autoría galegas.
Outra partida de 165.000 euros terá como obxectivo a organización de certames e festivais cinematográficos coa intención de promover a programación e difusión de cinema galego. Para acceder ás axudas é necesario que estas citas culturais celébrense neste 2024, teñan unha duración mínima de catro días e na súa programación inclúanse 20 proxeccións e cinco sesións (ou o 10%) de produción ou dirección galegas.
220.000 euros se inclurán no programa +Convivencia destinado a entidades sen ánimo de lucro para establecer actividades e rutas co obxectivo de poñer en valor o patrimonio natural, artístico e etnográfico da provincia. O prazo para acceder a estas axudas iniciarase o 15 de abril. "En lugar de multinacionais como ata agora, a idea é que se destine a estas entidades para que teñan autonomía", manifestaba López na súa comparecencia buscando que se beneficien empresas locais destas asignacións.
Tamén se destinarán 124.000 euros par aponer en valor o "recurso ecosistémico" da Rapa das Bestas, coa rexeneración da carballeira do Campo do Medio en Sabucedo, na Estrada. Está prevista a instalación dun miradoiro no Curuto, a reposición de valos, mellora de zona de acampada, cubrimiento de raíces, entre outras actuacións.
Por último, a Xunta de Goberno aprobaba preto de 95.000 euros para que 17 estudantes de Formación Profesional, un deles residente no municipio de Pontevedra, realicen prácticas en Portugal, Irlanda, Italia, Croacia e Malta.
Relacionadas:
-
25 persoas en paro serán contratadas durante sete meses polo Concello de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Os servizos municipais de Moraña refórzanse coa incorporación de sete traballadores temporais
Por Redacción |
-
A Deputación licita a conservación integral da rede viaria provincial e esixe ao Ministerio que mellore o firme da súa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Goberno provincial mobiliza 1,5 millóns de euros en actuacións en materia deportiva, normalización lingüística e investimentos
Por Oskar Viéitez |