Abren a inscrición para participar no concurso de Maios e Embarcacións do Ateneo Santa Cecilia
Por Redacción
Chega unha nova edición do Concurso de Maios e Embarcacións de Marín, que organiza o Ateneo Santa Cecilia coa intención de celebrar o 1 de Maio con estas construcións tradicionais.
O concurso deste ano presenta unha novidade principal. A organización decidiu suprimir o premio á construción de embarcacións. O motivo atópase en que sempre asisten os mesmos participantes.
Por este motivo, o importe destinado a este premio trasladarase a incrementar o galardón por participar no certame, que pasa de 120 a 140 euros.
A inscrición conclúe o venres 26 de abril ás 20.00 horas. Aquelas propostas que cheguen fose de prazo quedarán fóra de concurso, segundo indica a organización.
Representantes do Ateneo Santa Cecilia reuniranse coas ANPAS dos centros escolares coa intención de incrementar o número de participantes incorporando os maios que se elaboran nos centros de estudo.
Tamén están previstas as charlas sobre a historia dos maios en Marín nos distintos centros educativos. Aqueles que desexen contar con estas sesións deberán solicitalo a través do correo electrónico ateneosantacecilia@gmail.com