As nubes deslocen o eclipse solar en Pontevedra
Por Mónica Patxot & Redacción
Numerosas persoas tentaron durante últimas horas da tarde deste luns observar e captar imaxes da eclipse solar que se producía este luns.
Ao redor das 21.02 horas, antes da posta de sol, a lúa comezou a cubrir a cara do sol ofrecendo unha imaxe que se volverá a repetir na península Ibérica en agosto de 2025.
A presenza de nubes no horizonte e a coincidencia coa posta de sol dificultaron a visibilidade deste fenómeno astronómico que tiña unha duración breve nas Rías Baixas e que foi máis perceptible na provincia da Coruña.
Unha eclipse solar rexístrase cando a lúa se interpón entre a terra e o sol, bloqueando de maneira parcial ou total a luz que procede do astro rei grazas á aliñación dos tres corpos celestes.
Para evitar danos oculares é preciso empregar lentes especiais para observar estes eventos.
Moitas cidades de México, Estados Unidos e Canadá quedaron ás escuras durante minutos debido a esta eclipse.