A pontevedresa Teresa Sánchez Táboas, recoñecida entre os mellores arquitectos emerxentes de Europa
Por María José Pita
A arquitecta pontevedresa Teresa Sánchez Táboas é unha das profesionais seleccionadas polo programa internacional "Europe 40under40®" para 2023-2024. Este prestixioso galardón recoñece ás "mentes máis brillantes de Europa en arquitectura e deseño", en palabras da entidade organizadora: Centro Europeo de Arquitectura (The European Centre For Architecture, Art Desing and Urban Studies), en colaboración con The Chicago Athenaeum.
"Europa 40under40®" destaca o traballo de 40 arquitectos e deseñadores industriais por baixo de 40 anos con maior talento de Europa. Nesta ocasión, a listaxe de profesionais provén de dez países: Austria, España, Grecia, Francia, Polonia, Portugal, Suecia, Holanda, Turquía e o Reino Unido.
Sánchez Táboas ve recoñecidos nesta convocatoria tres proxectos: Vers une Industrie Légère (nave industrial en Barro), Casa Máxima (residencia particular en San Salvador de Poio) e Castro da Costiña (hotel en Santa Comba).
En conversa con PontevedraViva, a arquitecta manifesta a súa alegría por este recoñecemento a tres proxectos innovadores. Entre eles, lembra que os oito módulos que forman parte do hotel Castro da Costiña foron incluídos no prestixioso Anuario de Arquitectura Viva 2024, "un punto de inflexión na miña carreira", destaca.
Así mesmo, de entre os proxectos galardoados tamén resalta a repercusión que desde o inicio tivo Vers une Industrie Légère, nave para a empresa Pomasa no Polígono Industrial de Sequeiros (Barro), que xa tivo a oportunidade de explicar en diversas charlas, entre outras cidades, en Roma. Fronte aos polígonos industriais onde prima o asfalto, nesta obra "era moi importante deixar unhas zonas verdes que rodeasen á nave e plantar unhas árbores de calidade para os clientes, para a xente que traballa alí e para todo o polígono. Tentar facer un pulmón verde que funcione como unha zona de descanso, e iso chamou moito a atención", comenta.
Ademais da arquitecta pontevedresa, a representación galega nestes premios complétase coa selección do arquitecto Pablo López Prol, á fronte do estudo PLP Atelier de Ourense.
GRAMÁTICA ARQUITECTÓNICA
Teresa Sánchez Táboas (Pontevedra, 1988) é arquitecta pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid ETSAM (2014). Durante un ano, estudou no IIT de Chicago, onde o seu proxecto "New Library for the IIT" co profesor Sou Fujimoto foi escollido dentro da Open House Exhibition. Á súa volta de Chicago, reside na FAUP de Porto para profundar sobre proxectos de escala urbana e teoría da arquitectura.
Antes de fundar Gramática Arquitectónica en 2017, estudo con sede en Pontevedra e Santiago, colabora cos estudos de César Portela (Pontevedra) e con Creus e Carrasco (A Coruña). Ademais, traballa como redactora na revista Experimenta Magazine en Madrid e colabora co Injuve na rehabilitación dos templos de Samhwasa en Corea do Sur.
Entre os seus traballos máis recentes en Pontevedra e a súa contorna, sinala o proxecto para a Clínica Dental María Loira, a rehabilitación dunha vivenda centenaria en Montalvo ou o proxecto que actualmente está a desenvolver en colaboración coa arquitecta-paisaxista María Fandiño para a humanización do Centro de San Salvador en Meis.
Próximo á súa inauguración, tamén quere destacar o proxecto de Residencia para Usuarios da Asociación Xoán XXIII en Pontevedra, "que o fixen coa miña nai, a arquitecta Teresa Táboas".