Mundo Villalustre, o actor que mudou as táboas polos petos de ánimas
Por Mónica Patxot & María José Pita
Parece o argumento dunha das moitas obras de teatro que interpretou durante os seus 25 anos de carreira como actor profesional, etapa xa pechada. Unha historia que arrinca na infancia deste pontevedrés nado en 1965.
"Un dos recordos da miña nenez é vir a esta Capela das Ánimas coa miña nai. Cando ela ía ao Mercado a facer as compras, dúas visitas obrigadas eran vir a esta capela e á do Nazareno", explica Mundo Villalustre. "Unha imaxe que teño gravada é que me compraba un cartucho de churros, eu sentadiño aquí nas escaleiras coméndoos todo contento e ela poñendo a vela e rezándolle ás ánimas".
Por iso, a cita con PontevedraViva tiña que ser neste escenario, na pequena capela situada na Travesía das Ánimas, no centro histórico de Pontevedra, na que aínda se poden ofrecer candeas por fóra do enreixado.
Continúa o relato de Villalustre cunha encomenda que lle facía a súa nai. "Cando eu era algo máis maior, ela dicíame: ti reza moito polas ánimas do Purgatorio, porque se ti lles axudas, elas vante axudar". Pasaron os anos e "fun un pouco máis descreído". A nai preguntáballe "fuches polas Ánimas?" e Mundo respondía que eran cousas de vellas. "Á miña nai sentáballe fatal cando lle dicía iso. E bueno, co tempo, un faise maior e vanlle cambiando as ideas".
Hai que dicir que, malia estes diferentes pareceres, as rifas entre nai e fillo eran sempre agarimosas. Por iso, estas aprendizaxes na casa, máis unha curiosidade innata, sementaron o xermolo do que hoxe é unha das grandes paixóns deste pontevedrés: os petos de ánimas.
"Eu vía os petos de ánimas e sempre me chamaba a atención ese halo de misterio, de cousa ancestral, eu pensaba: como se lle pode ter devoción a algo así?", sinala Mundo. Sorprendíalle o feito de que foran construcións "custeadas por xente que gastou os seus cartos da época para estas marabillas, que ademáis están feitas por artistas anónimos, na súa maioría".
Un día, navegando por diferentes grupos de Facebook sobre patrimonio galego formulouse unha reflexión. "Pensei: hai grupos de cruceiros, de cemiterios, de reloxos de sol, pero non hai un só grupo de petos de ánimas, que son parte do acervo cultural galego". E así naceu o grupo de Facebook Petos de Ánimas o 20 de maio de 2023.
"Non temos nin un ano e quedei sorprendido coa resposta da xente: 'Por fin alguén fai un grupo de petos de ánimas!', dixéronme nunha mensaxe. É moita a aceptación, xa estamos polos 649 membros", manifesta.
As achegas dos integrantes do grupo localizando e fotografando petos de ánimas conseguiron que a principios de abril se acadasen os 1.507 elementos rexistrados no Mapa dos Petos de Galicia que Villalustre creou. Amais dos preto de 900 petos de ánimas, nese mapa virtual tamén están identificados esmoleiros, cruceiros de ánimas, cruceiros esmoleiros, capelas esmoleiras, capelas de ánimas e retablos e altares de ánimas das igrexas. O obxectivo é chegar aos 2.000 rexistros.
Villalustre lembra que as provincias de Pontevedra e Ourense son as que concentran o maior número de petos de ánimas do mundo, tendo en conta que son construcións singulares e "intrínsecas de Galicia e do norte de Portugal, onde se denominan alminhas". Precisamente nas dúas provincias é onde os colaboradores son más activos.
"Javier Torres é colaborador en Ourense, o 90 por cento dos petos desta provincia que temos no grupo fíxoos el, desprazándose no seu coche", comenta Villalustre. Nomea o vehículo porque, en contraste, Maria Mar, que contribúe localizando os petos da zona de Vigo e área metropolitana "con auténtica paixón", non ten coche, "colle buses e sempre di que a onde poida chegar andando, alá vai". Todos os integrantes de Petos de Galicia cooperan de xeito totalmente desinteresado.
O propio Villalustre encárgase de fotografar os petos das parroquias de Pontevedra e municipios veciños. Asegura que "hai unha mina deles nos concellos de Cerdedo-Cotobade e A Lama, porque os bos canteiros estaban aí, de feito, Cerviño, o que fixo o cruceiro de Hío, era de Augasantas; tamén hai moitos en Covelo, Redondela e os concellos da raia, como Crecente, Arbo, O Rosal ou Fornelos de Montes".
Para localizar os petos de ánimas, Mundo relata a loxística que manexa. Primeiro, a bicicleta eléctrica, que bautizou como Elektra, se cadra facendo un aceno ao seu pasado teatral. "Non teño coche e nunca conducín, se non fose pola bicicleta eléctrica non podería chegar a todos os sitios a onde chego".
Segundo, planifica que petos vai localizar consultando o libro do investigador Estanislao Fernández de la Cigoña: Esmoleiros e petos de ánimas da Provincia de Pontevedra, que "foi a miña primeira guía para topar os petos en Pontevedra". Casualidades da vida, un día Fernández de la Cigoña solicitou entrar no grupo. "Quedei alucinado, porque Estanislao é un referente non só en petos, senón en cruceiros, en flora e fauna de Galicia, en arquitectura popular... É un home super culto pero tamén super humilde, compórtase como un máis do grupo e tamén fai achegas do seu arquivo particular".
O terceiro elemento é o teléfono móbil. "Cando vexo un peto, vou co móbil a Google Maps e marco as coordenadas, e logo no mapa de Galicia vou marcando cada un destes elementos". Coa cámara, toma as fotografías dos petos de ánimas que logo subirá en forma de publicación ao grupo de Facebook. "Teño, digamos, unha manía, que é que cando está un peto abandonado, que hai moitos por desgraza, eu procuro sempre limparlle un pouco as herbas, colocarlle unhas florciñas, por ver que hai alguén que se ocupa un pouco deles".
Vas coa bicicleta e de repente aparece un peto de ánimas no medio do monte ou ao lado dun río, en sitios que non te esperas
Aparte do libro mencionado, Mundo toma referencias do traballo de catalogación da páxina patrimoniogalego.net. "E despois chivatazos da xente que che di que lle soa que nun sitio había un peto ou que lembra que na súa aldea había un". Incluso tamén o azar, "que a veces vas coa bicicleta e de repente aparece un peto no medio do monte ou ao lado dun río, en sitios que non te esperas, porque os petos soen estar en encrucilladas, como os cruceiros, ou nos camiños, pero non é normal que estean tan agochados".
Un destes achados produciuse en Ponte Caldelas, no lugar de Laxoso, "un peto enorme coa talla en madeira de San Francisco recollendo as ánimas do purgatorio co cordón do hábito que o teñen coidadísimo, e ao lado teñen un cruceiro con outro peto de ánimas feito en pedra. Cando me acheguei, apareceron unhas mulleres que me dixeron: para nós é un orgullo telo, e coidadiño con tocalo", engade entre risos ao tempo que recalca que, malia que a despoboación nalgunhas zonas está a contribuír á deterioración destas construcións, aínda quedan moitas aldeas nas que "os teñen como auténticas xoias, e danlle moito máis valor que nas grandes cidades; se vedes flores ou velas nun peto, é que alguén coida del".
Este foi o espírito co que naceu o grupo de Facebook, "para coñecer e poñer en valor estes pequenos monumentos da devoción popular galega" que, remata Mundo Villalustre, "a xente de fóra alucina coa historia das ánimas que representan", así que xa cómpre darlles o lugar que se merecen.
Relacionadas:
-
Unha obra de monicreques para falar cos escolares sobre os cambios na estrutura familiar
Por Redacción |
-
Un detido por varios roubos en petos de ánimas e en igrexas da Lama e Cotobade
Por Redacción |
-
Nova vida para cruceiros e petos de ánimas
Por Redacción |
-
RADIO.- Crenzas e tradicións de Defuntos e Todos os Santos para crédulos, incrédulos e escépticos
Por Marisa Ciordia |