O final das obras do boulevard de Portonovo prevese antes de que dea comezo o verán
Por Redacción
As obras do boulevard de Portonovo afrontan os primeiros tramos de asfaltado.
Aproveitando o bo tempo, fresouse o tramo desde a rotonda do inicio da actuación ata a nova glorieta que entronca con Rúa Areal. A próxima semana acometerase o seguinte tramo ata o mercado de abastos e, continuarase avanzando na parte final das beirarrúas.
O Concello informou que, se é preciso, desviarase o tráfico, pero a circulación estará garantida.
A obra sufriu certos atrasos sobre a previsión inicial debido á climatoloxía, pero prevese que estea lista antes de que dea comezo o verán.
Na última fase da obra inclúense a construción de dúas rotondas, unha no cruzamento da Perla, e outra na intersección entre a Rúa Vista Alegre, Travesía Areal e a Rúa Areal co obxectivo de dar unha maior fluidez ao tráfico nestes dous puntos e, á vez, mellorar a seguridade viaria na contorna.
A empresa delimitou no seu cronograma 3 zonas de actuación. A primeira, xa executada, vai desde a rotonda de inicio dos traballos ata o mercado de abastos; a segunda, desde o mercado ata o cruzamento da Perla onde está prevista a construción dunha rotonda e a terceira, desde A Perla ata a nova rotonda de Canelas.
O deseño tamén inclúe a renovación dos servizos, xa executado, coa instalación das canalizacións subterráneas para o cableado de telefonía e para a electricidade que substituirán os actuais tendidos aéreos e a renovación das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e de iluminación pública.
O tramo final da obra incluirá a colocación das luminarias, o axardinamento e a colocación do mobiliario como papeleiras e bancos.
O proxecto de reforma da estrada da Lanzada ascende a 2,3 millóns de euros. O seu financiamento leva a cabo cun acordo coa Consellería de Infraestruturas, que asume o 70 % do custo, mentres que o resto achégao o Concello de Sanxenxo.