"Teño que abandonar a miña nai para que realmente os servizos sociais se fagan cargo dela?"
Por Mónica Patxot & María José Pita
Unha carta ao presidente da Xunta de Galicia. Esta foi a medida á que recorreu Silvia Fariña desesperada polos 8 anos que a súa nai, Rosario Lores, leva esperando por unha praza nunha residencia pública.
Esta misiva, á que deu entrada por Rexistro, tivo resposta da Presidencia. Pero a explicación do organismo autonómico non fixo máis que incrementar a impotencia coa que esta familia de Dena-Meaño está a vivir este longo proceso. "Comprobamos que (a súa nai) non figura incluída na lista de espera para unha praza pública residencial: foi dada de baixa o 15/06/2021", reza o documento que Silvia Fariña achega, entre outros moitos, na cita con PontevedraViva.
Por que a nai de Silvia foi dada de baixa sen que a familia tivese noticia deste feito? Silvia expón que hai algo máis de dous anos, dado que era imposible atender á súa nai na casa e que a expectativa de obter unha praza nunha residencia pública alongábase no tempo, non lle quedou máis remedio que recorrer a unha residencia privada. Para estes casos nos que a persoa ten un grao de dependencia recoñecido, existe unha axuda económica da Xunta para sufragar unha parte do custo da praza, a chamada "Libranza vinculada á adquisición de servizos", recollida no Plan Individual de Atención (PIA) da Consellería de Política Social e Igualdade.
Nese momento, a traballadora social do Concello de Meaño indícalle que, ao solicitar esta axuda, a súa nai podería ser dada de baixa na lista de espera, agás que dende o departamento de Servizos Sociais municipal se solicitase non decaer desta lista, coa aprobación da familia. Como é lóxico, Silvia manifestou o seu desexo de que se cursase a petición para que a súa nai permanecese nesta lista de espera, e a continuación a traballadora social confirmoulle que xa tramitara a correspondente solicitude.
Insistimos na pregunta: Como é posible que malia solicitar permanecer na lista de agarda finalmente Rosario Lores fose dada de baixa? "Pois é o que non sabemos, porque cando recibín a resposta da Xunta fun ao Concello para pedir unha cita coa traballadora social, e dinme que está de baixa e non hai outra persoa que me poida informar", laméntase Silvia.
Dende a Xunta, comunícanlle na mencionada resposta, que debe volver a empezar os trámites dende cero: "Para que se inclúa á súa nai en lista de espera dunha praza pública residencial, é necesario que se dirixan aos servizos sociais comunitarios do concello onde estea empadroada á súa nai aos efectos de presentar a solicitude de praza nunha residencia pública".
A INCERTEZA DO GRAO 2 DE DEPENDENCIA
A burocracia frea o expediente de Rosario Lores, pero o desgaste desta familia non se detén. Esta mesma semana, ante os numerosos intentos de contactar co teléfono da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social e Xuventude de Vigo, a que atende os casos da provincia de Pontevedra, Silvia envía un novo email ao Servizo de Dependencia. Un día despois, este venres 19 de abril, recibe unha chamada dunha técnica deste departamento "dicíndome que ían incluír á miña nai nas listas para unha praza pública, non estaba incluída, parece ser, pero xa me adianta que non ía entrar (nunha residencia pública) co grao de dependencia que ten".
"A miña nai é bipolar, ten recoñecido un 75% de minusvalía e un grao de dependencia dous, sen embargo non ten acceso a unha praza pública"
Cun grao recoñecido de dependencia 2 (dependencia severa), agarda unha praza nunha residencia pública dende 2016. "A miña nai é bipolar, ten recoñecido un 75% de minusvalía e un grao de dependencia dous, sen embargo non ten acceso a unha praza pública porque os que máis facilidades teñen para entrar son os válidos ou xa o grao tres (gran dependencia). Está claro que non hai prazas para todos, pero non pode ser que as familias, que xa estamos cunha presión incrible de anos, teñamos que asumir o papel da Administración", insiste Silvia.
Continúa relatando que nese ano fai a solicitude de praza nunha residencia pública porque "xa a miña filla pequena ten un ano e a outra tres anos e medio, e a min xúntaseme todo. Vexo que cada vez miña nai vai máis renqueante e decido metela en listas para unha praza pública nunha residencia. Ao principio é un pouco traumático pero co paso do tempo ela tamén vai entendendo a situación".
"Eu fago a solicitude con vistas ao que penso que vai ocorrer, e cando ocorre, resulta que sigue en lista de espera". Silvia refírese ao ano 2022, cando todo se precipita. "De pronto pon o pañal por enriba da roupa, sae da ducha co champú na cabeza… Entón, eu empezo a axilizar este tema, a preguntar á traballadora social que pasa que leva xa seis anos en lista de espera e non avanza. Ten a súa demencia pero non é acuciante, por iso non lle dan o grao 3 e deste xeito non accede a unha residencia pública".
RESIDENCIAS DESBORDADAS
Que quere conseguir facendo pública a súa situación? "Gustaríame poñer de manifesto o sinsentido de que as persoas cun grao de dependencia 1 ou 2 e que teñen familiares non teñan acceso a unha residencia pública. Se non teñen a ninguén, entón si que entran. Eu pregúntome: Teño que abandonar a miña nai para que realmente os servizos sociais se fagan cargo dela? É que parece que é a única opción, non pido privilexios, só que se recoñeza o seu dereito a unha vellez digna".
"Gustaríame poñer de manifesto o sinsentido de que as persoas cun grao de dependencia 1 ou 2 non teñan acceso a unha residencia pública"
Na actualidade, a nai de Silvia atópase ingresada nunha residencia privada en Covelo, localidade que está a hora e cuarto en coche de Meaño, "polo que nos resulta moi complicado conciliar e visitala", aínda coa redución de xornada laboral que Silvia tivo que solicitar.
"Preguntei en residencias privadas pola zona do Salnés e en Pontevedra e os prezos son inasumibles, e as máis económicas están desbordadas", sinala Silvia. "Miña nai necesita pasear todos os días debido á súa obesidade e non pode saír se non é con nós, se estivese máis cerca, podería levala a casa a comer e pasar días enteiros con ela". Por iso, nunha das últimas instancias que presentou á Xunta solicita asesoramento para lograr "un PIA (axuda económica) máis ampliado para poder pagar unha praza privada" nunha residencia da zona.
Silvia Fariña sente que xa tocou en todas as portas posibles. "Incluso me puxen en contacto coa Fundación Ortega pola residencia que están construíndo en Pontevedra, pero dixéronme que a xestión depende da Xunta". Sabe que o seu caso non é illado. Leva ocupándose da súa nai máis de vinte anos, cando en 2003 falece o seu pai. O único que pide é que se cumpra a lei, no que se refire ao deber dos poderes públicos de atender ás persoas en situación de dependencia.