Construcciones Castro Figueiro executará a segunda fase de rehabilitación do Pazo de Quintáns
Por Redacción
A segunda fase das obras de rehabilitación do Pazo de Quintáns quedarán en mans da empresa Construcións Castro Figueiro. Foi a única empresa que presentou oferta para executar estes traballos.
O proxecto asinado polo arquitecto vilagarcián Carlos Berride está valorado en 770.000 euros e conta cun prazo de execución de 12 meses.
A principal actuación que se recolle nesta segunda fase é a creación dun espazo multifuncional de eventos que permita albergar pequenos eventos educativos, sociais ou culturais, cunha capacidade de aproximadamente 128 persoas sentadas e 222 de pé.
O seu deseño, en pedra, madeira e vidro principalmente, permite ter unha conexión visual permanente entre a edificación polivalente proxectada e o conxunto do Pazo de Quintáns, así como o edificio nobre.
Ao tratarse dunha edificación complementaria ao edificio nobre e ao propio conxunto do pazo, sitúase practicamente encostada ao muro perimetral de peche do patio de labranza.
Ademais, proponse a creación dun aparcamento na leira oeste anexa, que dispoñerá de 27 prazas, estando dúas delas adaptadas para persoas con mobilidade reducida. De forma conxunta co aparcamento, pavimentarase con lastra o acceso.
Para completar esta mellora das condicións de acceso iluminarase, delimitaranse as prazas de aparcamento e procederase á motorización do portalón anexo ao hórreo para o peche do conxunto do pazo.
Nas zonas non aproveitables debido á xeometría do espazo destinado a aparcamento proponse a creación dunha xardineira con vexetación arbustiva de baixo porte.
Entre as demais actuacións destacan a recuperación do antigo hórreo ou a limpeza e saneamento da totalidade dos muros perimetrais e interiores.
Ademais, prevese adecuar os 'parladoiros' do pazo cunha nova iluminación e habilitaranse itinerarios peonís coa instalación de laxas de granito tipo silvestre sobre cama de area.