O Festival dos Maios de Vilaboa repartirá 300 euros en premios
Por Redacción
Xa está en marcha a trixésimo novena edición do Festival dos Maios de Vilaboa, un certame organizado polo Concello, en colaboración coa asociación de veciños Santa Columba de Bértola.
Haberá 300 euros en premios ás tres composicións florais que reúnan unha maior puntuación na modalidade cónica, a única que valorará o xurado.
O festival terá lugar o día 1 de maio no campo das festas de Bértola e os maios participantes deberán estar no entorno con media hora de antelación.
O prazo de inscricións, a través do correo electrónico info@vilaboa.org, está xa aberto.
O concurso está orientado a alumnado de calquera idade e as bases recollen a descalificación inmediata en caso de rexistrarse algunha falta de respeto verbal nas letras dos maios.
O xurado puntuarán a calidade das letras e a utilización da tradicional retranca galega para abordar temas de actualidade tanto de ámbito político como social en canto ao carácter crítico, irónico e sarcástico do texto.
Tamén se valorará a calidade do canto tanto a nivel individual como no conxunto, atendendo sobre todo á entonación, forza e o carácter harmónico do conxunto do maio e por último valorarán o mellor maio, tanto nos adornos como no aspecto exterior e interior.