Cerdedo-Cotobade pecha as contas do 2023 cun remanente de tesourería total de 786.820,07 euros
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade pechou a execución orzamentaria do ano 2023 cunha estabilidade económica referendada por un remanente de tesourería para gastos xerais de 786.820,07 euros e unha "débeda cero" con entidades bancarias.
O alcalde, Jorge Cubela, cualificou de "todo un éxito" o feito de que partindo dun orzamento de 4,38 millóns de euros pechouse o exercicio cunha execución total de 9,2 millóns de euros duplicando a capacidade de investimento do Concello.
Cubela sinalou que os resultados que "dan boa mostra da excelente xestión económica realizada ao longo deste mandato que fai que o noso Concello goce dun equilibrio e unha estabilidade orzamentaria que nos permite manter en perfectas condicións a prestación de todos e cada un dos servizos municipais e alcanzando cifras récord duplicando os 4,3 millóns iniciais e pasando a algo máis dos 9 millóns cos que pechamos o exercicio".
Por outra banda, o Concello de Cerdedo-Cotobade finalizou o ano 2023 sen débeda con ningunha entidade bancaria "o que confirma a súa capacidade investidora e liquidez" aínda que, sendo o pasado ano electoral e con maior carga investidora, o propio informe de Intervención fai constar que houbo unha inestabilidade de -68.000 euros que "foi todo un éxito si temos en conta que o ano pasado incorporamos 1.700.000 euros de remanentes que executamos", indicou Cubela.