Fronte común en Monte Porreiro para defender a asistencia sanitaria infantil en Pontevedra
Por Anxo Lourido
Representantes das ANPAS dos centros Marcos da Portela e Luís Seoane, ademais de integrantes de asociacións de Marcón, Verducido, da Federación Castelao e de Petís, asociación en defensa dos dereitos infantís, participaron nun encontro no Centro Cultural de Monte Porreiro, convocados pola asociación veciñal O Mirador, coa intención de crear unha fronte común que traballe co obxectivo de mellorar a actual asistencia sanitaria infantil en Pontevedra.
Tamara Campos, representante da agrupación Loita, informou sobre os procedementos que se deben seguir para demandar un incremento da atención do servizo de Pediatría en todos os centros de saúde do municipio.
Decidiuse crear un grupo de traballo con representantes de diversos colectivos para iniciar accións encamiñadas a presionar ao Sergas para que dote de máis profesionais de pediatría ao municipio.
DEMANDA NO PARLAMENTO
Pola súa banda, o deputado do BNG, Luis Bará, tamén presentou unha batería de iniciativas parlamentarias en forma de proposición non de Lei, ademais de preguntas ao goberno da Xunta, en relación coa deterioración que entenden sofre a atención pediátrica na comarca de Pontevedra.
O BNG sinala a falta de pediatras no centro de saúde de Lérez, que atende a poboación infantil de Monte Porreiro, de Lérez e das parroquias do norte de Pontevedra e do Concello de Barro.
A consulta de pediatría que se atopaba en Monte Porreiro, que tamén era compartida por Barro, foi trasladada ao centro de saúde de Lérez con motivo da pandemia da covid-19.
Segundo denuncian os nacionalistas, a persoa titular da praza no centro de saúde de Lérez estivo de baixa e recentemente obtivo unha praza en Sanxenxo. Por este motivo, desde hai uns meses, a asistencia cóbrese mediante prolongacións de xornada doutros pediatras.
Sinalan que se rexistra un empeoramento da atención ao reducirse as consultas a tres horas durante tres días á semana, con aumento dos tempos de espera para citas e falta de continuidade na atención pediátrica polo mesmo profesional.
O centro de saúde de Lérez atende a 471 nenos e nenas.
SOUTOMAIOR
En Arcade, segundo denuncia o BNG, o centro de saúde leva máis de 500 días sen pediatra. Un escenario que para os nacionalistas resulta "escandaloso".
Por este motivo, a través do Parlamento, Luis Bará e a deputada Montse Prado reclamarán á Xunta e ao Sergas que, coa máxima brevidade de tempo posible, se dote a estes centros de pediatras.
Relacionadas:
-
A área sanitaria cubre nove prazas en saúde mental e once de especialistas no Hospital do Salnés
Por Redacción |
-
Flores anuncia que convocarán unha praza para cubrir o posto de Pediatría en Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Convocan unha xuntanza en Monte Porreiro para reclamar máis pediatras en Pontevedra
Por Redacción |
-
Bará, centrado en exclusiva en Pontevedra e Caldas, priorizará o solo industrial, as rías e a sanidade
Por Natalia Puga |
-
Compromiso adquirido para recuperar o servizo de Pediatría en Barro
Por Anxo Lourido |
-
Benvida ás novas pediatras para Atención Primaria e o Hospital do Salnés que acadaron praza fixa por concurso
Por Oskar Viéitez |