Inaugurada a primeira feira multisectorial de Poio: "Estamos espertando e contaxiando interese"
Por Redacción
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, xunto coa presidenta de EnPoio, Loli Otero, o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o deputado provincial, Javier Tourís, inauguraron este venres a feira multisectorial e de vehículos de ocasión Poio Mostra, que estará instalada na Seca ata o domingo, en horario de 11.00 a 21.00 horas.
"O comercio local é vida e contribúe ao desenvolvemento socioeconómico dos concellos", asegurou Moldes, que sinalou que "desde o primeiro momento" querían "promocionar e potenciar os negocios locais".
Neste sentido, a feira converterase nunha oportunidade para que os veciños coñezan toda a oferta que poden atopar en Poio ademais de "fomentar o emprego e que os nosos municipios sigan medrando".
Tras facer un percorrido por cada un dos stands, o alcalde agradeceu a iniciativa de EnPoio para recuperar a feira de oportunidades, "que espertou grande interese", e referiuse a que en menos dunha semana se reservaron os máis de sesenta expositores dispoñibles.
"Estamos espertando e contaxiando interese, ilusión e, sobre todo,confianza para atraer estas novas propostas e iniciativas cara o noso concello. Poio estase convertendo nun municipio atractivo para que as empresas organicen eventos aquí, e todas estas iniciativas contribúen a dinamizar o noso concello fóra da tempada de verán", destacou.
Esta actividade únese a todas as iniciativas que están programadas en Poio nas vindeiras dúas semanas, como o campionato galego de dúatlon, que se celebra este sábado; as festas patronais das Dores de San Martiño; a exposición de dinosaurios no parque de Ánkar; o festival da cervexa artesá e a primeira xuntanza de maiores dePoio.