Sesenta comercios estrearán na Seca a primeira feira multisectorial Poio Mostra
Por Redacción
Poio contará coa súa propia feira multisectorial. Un total de sesenta comercios e empresas de diferentes actividades reuniranse baixo una carpa instalada na Seca para ofrecer os seus produtos ao público. Será esta fin de semana, os días 19, 20 e 21 de abril.
A presidenta da asociación EnPoio, Loli Otero, explicou que a convocatoria foi un éxito, porque "en menos de unha semana reserváronse todos os stands que tiñamos dispoñibles".
Confía en que Poio Mostra, que organizan en colaboración co Concello, "contribúa a poñer o comercio local no mapa" e se converta "na feira de referencia en primavera", xa que o inverno "sempre é unha época díficil para o comercio e esta feira supón unha oportunidade".
Os visitantes atoparán en Poio Mostra unha ampla variedade de tendas de moda, zapaterías, decoración, produtos gourmet, servizos, agricultura, artesanía ou mesmo concesionarios.
O alcade de Poio, Ángel Moldes, sinalou que esta feira "é un evento moi importante como punto de encontro, para dinamizar a economía local e para poñer en valor todo o tecido empresarial do municipio", amosando toda a oferta e produtos que poden atopar no municipio.
Ao mesmo tempo, subliñou que tamén suporá que moitos dos comercios de fóra do municipio que van estar en Poio Mostra "terán a oportunidade de comprobar se o seu produto ten saída no noso concello e, quizais, valorar a posibilidade de implantarse aquí".
Desde o Concello e EnPoio animaron aos veciños a achegarse á Seca durante a fin de semana, así como aos residentes en concellos limítrofes "porque aquí van atopar verdadeiras oportunidades e van coñecer toda a oferta que hai no noso municipio".