Instaladas novas bases CoastSnap nas praias de Pescadoira e Beluso
Por Redacción
Xa se atopan instaladas unhas novas bases CoastSnap nas praias de Pescadoira e Beluso. Trátase dunha iniciativa que promove a Asociación Ecoloxista Anduxía de Bueu, en colaboración coa Universidade de Vigo e o Concello.
Estas bases teñen como obxectivo capturar imaxes da costa. Desta forma, as persoas que participen activamente recollerán datos para estudar como reaccionan os areais fronte aos temporais, mar de fondo, ventos de diferente intensidade e demais fenómenos costeiros.
Os participantes deberán realizar fotografías regulares das praias desde ángulos específicos para despois subilas á plataforma CoastSnap. A través desta ferramenta serán utilizadas para analizar eses cambios nas praias ao longo do tempo.
Con esta iniciativa, Anduxía busca fomentar o interese da cidadanía na conservación dos areais e no coidado do patrimonio natural, ademais de promover a participación activa da sociedade en materia científica.
Para participar é necesario colocar o móbil no soporte da base, realizar unha fotografía e enviala ao código QR que aparece no panel.
As imaxes que se envíen serán despois estudadas e adoptaranse decisións na xestión costeira, segundo indica o colectivo ecoloxista.
As praias de Pescadoira e de Beluso son urbanas e, segundo os integrantes de Anduxía, resultaron gravemente danadas polas obras portuarias. Son amplamente utilizadas pola veciñanza e ofrecen protección ao paseo e ao vial que transcorre paralelo á costa.
Os paneis interpretativos actuais que acompañan ás bases CoastSnap son provisionais, á espera de que dentro dunhas semana instálense os definitivos, segundo as mesmas fontes.
Instaláronse dúas bases en Pescadoira, no peirao de Atilio, e unha en Beluso, sumándose á que permanece instalada na praia de Agrelo desde 2019.
A base de Agrelo atópase no extremo sur do areal, no acceso que a une á praia de Loureiro.
Outras bases CoastSnap atópanse na praia da Lanzada, no Grove, ou na praia de Rodas, nas Illas Cíes.
Relacionadas:
-
Anduxía propón un retranqueo do paseo de Agrelo para evitar os reiterados derrubes
Por Redacción |
-
Chapuzón para reivindicar a rexeneración da praia de Pescadoira
Por Oskar Viéitez |
-
Queren instalar puntos para estudar os cambios da praias de Bueu con fotos sacadas polos cidadáns
Por Oskar Viéitez |