Cuntis estrea un segundo punto de recarga para coches eléctricos na rúa Xoán Xesús González
Por Redacción
Dúas prazas de estacionamento específicas para realizar a recarga. É o que acompaña a segunda estación de carga para vehículos eléctricos que activou o Concello de Cuntis no municipio.
Habilitouse na rúa Xoán Xesús González. Esta actuación levouse a cabo con fondos propios, cun investimento aproximado duns 12.000 euros.
"Este goberno local sempre tivo o compromiso firme de apostar polas enerxías eficientes e sostibles, respectuosas co medio ambiente e que cumpran cos parámetros que marca a Axenda 2030", explica o alcalde de Cuntis, Manuel Campos.
Con este tipo de actuacións, Cuntis bsca impulsar a mobilidade con enerxías limpas e alternativas, reducindo as emisións de dióxido de carbono e dando a coñecer este tipo de tecnoloxías entre a poboación
Campos asegura que contar con estes sistemas de recarga "non só supón un aliciente para a cidadanía á hora de adquirir este tipo de automóbiles, senón que tamén facilita incrementar o número de vehículos destas características do parque móbil municipal".
Cuntis foi, en 2021, uno dos primeiros concellos en instalar un punto de recarga para este tipo de vehículos, situado desde entón ao carón da casa consistorial.