Comezan as obras de mellora de acceso a un núcleo de vivendas de Ponte Borela
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, supervisou o inicio dos traballos da ampliación e mellora do acceso a un núcleo de vivendas en Ponte Borela, que presenta problemas de seguridade vial e un grave deterioro no muro de contención no acceso á estrada provincial.
Para a obra, o Concello investirá uns 40.000 euros, onde está incluída a construción dun muro de suxeición duns 30 metros de longo e ata 3 metros de altura, e a ampliación do acceso rodado a vehículos pasando o entronque de 3,5 metros de ancho a uns 12 metros.
Unha vez realizados estes traballos botarán unha capa de rodadura en aglomerado en quente para que quede perfectamente encaixada co entronque, ao mesmo tempo que permitirá, no futuro, seguir actuando para ampliar o vial cara ao interior.
Segundo manifestou Cubela, "esta obra é moi necesaria, xa que ademais estaba cedendo o terreo cara ao talude inferior de sostemento da pista, polo que era convinte actuar canto antes para corrixir este problema". Ademais, indicou que esta é a primeira fase da obra e "no futuro seguiremos cunha segunda na que se ensanchará o camiño interior para concluír de xeito adecuado toda a intervención que merece e reclaman os veciños e veciñas que residen nesta zona".