Soutomaior acollerá o 18 de maio a súa primeira carreira infantil de obstáculos 'Gladiator Kids Race'
Por Redacción
O concello de Soutomaior acollerá este vindeiro 18 de maio a súa primeira 'Gladiator Kids Race', unha modalidade de carreira de obstáculos para que os máis pequenos do concello desfruten practicando deporte ao tempo que viven unha auténtica aventura.
Soutomaior súmase así a outras localidades do Estado español nas que tamén se levará a cabo esta proba, como son Pontevedra, Ribadeo ou Logroño.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a técnica deportiva municipal, Raquel Villaverde, presentaron este luns o cartel desta primeira edición da 'Soutomaior Gladiator Kids Race'. O evento terá lugar o día 18 no Peirao de Arcade a partir das 16:30 horas.
Poderá participar calquera menor que teña entre 3 e 11 anos, e deberá ir acompañado por unha persoa adulta durante o transcurso da proba deportiva. En total hai 250 prazas (sen contar as persoas adultas acompañantes) e as inscricións, que son totalmente gratuítas, xa están abertas na páxina gladiatorraceoficial.es
Tal e como se explica no regulamento da carreira, haberá dúas categorías: de 3 a 5 anos, cun percorrido de 500 metros; e de 6 a 11 anos, cun percorrido de 900 metros. Só as crianzas superarán os obstáculos, mentres que a persoa adulta acompañante encargarase de dar apoio.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que "é un orgullo para Soutomaior que un evento tan importante como a 'Gladiator Kids Race' vaia desenvolverse no noso concello".
"Estou seguro que os pequenos e as pequenas que participen na 'Soutomaior Gladiator Kids Race' o pasarán xenial e desfrutarán dunha tarde incrible, nun espazo único como é o Peirao de Arcade e vivindo unha experiencia inesquecible ao tempo que fan deporte. Fomentar o exercicio físico entre as crianzas con actividades saudables é un dos nosos obxectivos", afirmou Manu Lourenzo.