O Día de Colón, a festa que reivindica a orixe poiense do navegante
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acolleu este venres a presentación da décima edición do Día de Colón, que se celebrará en Poio os días 10 e 11 de maio.
Esta festa pon en valor a teoría da ascendencia galega do navegante e para iso encheranse as rúas do núcleo histórico de Combarro de cor e animación medieval, repetindo o éxito de edicións anteriores e fomentando a implicación de numerosos colectivos locais.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a importancia deste tipo de festas culturais pola súa capacidade para "enriquecer o noso destino turístico, porque dinamiza a nosa economía e porque nos fan vivir experiencias 100 % Rías Baixas".
Luis López lembrou que esta festa leva "unha década conmemorando que o navegante máis famoso do mundo era da nosa provincia, de Poio" á vez que se fomenta "a nosa historia e cultura mariñeira" e exáltase "o noso medio natural, a gastronomía e estilo de vida", declarou.
Pola súa banda, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, animou a toda a cidadanía a visitar Combarro a próxima fin de semana para celebrar o Día de Colón e felicitou ao hostaleiro Ramón Pedras ‘Petete’ polo seu nomeamento como pregoeiro desta festa.
Moldes lembrou que xa na primeira edición pediron a Petete que fora o pregoeiro, pero negouse e dixo que o sería na décima edición. Agora, esa data chegou.
Durante os últimos días Petete percorreu todos os colexios de Poio para difundir entre o alumnado a teoría do Colón galego, neste percorrido estivo arroupado polos colectivos Combrus, Leucoíña e Vides Novas.
O Concello de Poio lembra que ata o vindeiro martes permanecerá aberto o prazo para reservar espazo para as comidas e ceas de particulares o sábado 11 de maio.
PROGRAMA
O programa de actos comeza o venres 10 de maio ás 17:30 horas coa apertura do mercado artesanal na Praza da Chousa. Dende as 18 horas os artistas percorrerán as rúas con música e trucos (Circados e Dosequilibrados) e ás 18:30 horas comezará un espectáculo itinerante "A min a garda!". Dende as 19:00 horas os xograres percorrerán as rúas de Combarro.
A chegada da Nao Santa María con Cristóbal Colón, a súa tripulación, músicos e outros artistas, está prevista ás 20.30 horas na Praza da Chousa. Despois, sobre as 21:00 horas Ramón Pedras Lorda " Petete" dará lectura ao seu pregón na Praza de San Roque, o mesmo espazo no que ás 21:45 horas representarase a obra teatral de Moura Teatro "Para Lavar Colón".
Xa o sábado 11, o Día de Colón comeza ás once da mañá coa apertura do mercado artesanal e os obradoiros de exhibición na Praza da Chousa.
Ás 11:30 horas comezan as festas dos meniños neste mesmo recinto. Durante todo o día, artistas percorrerán as rúas con música e trucos (Circados, Dosequilibrados, A min a garda!, Xograres, Vides Novas, Escola de música tradicional de Poio e Pandereteiras Ronsel).
Ás doce do mediodía será a exhibición e obradoiro de Esgrima antiga (Praza da Chousa), o obradoiro de tiro con arco na Praia do Padrón, e a conferencia "La clave y la huella de Colón" na Escola do Campo, cos ponentes: Carlos de Vilanova e Angel Carracelas Requejo. Tamén ás doce haberá bailes medievais na Praza da Chousa coa Asociación Cuna da Moura.
Ás 12:30 horas, Moura Teatro percorrerá as rúas co "Touporoutou da lúa e do sol" acompañados de gaiteiros percusión, pandeiretadas e cantos.
Xa pola tarde, ás 16:00 horas comezará o obradoiro de tiro con arco na praia do Padrón. A partir das cinco da tarde, na Praza da Chousa, abre de novo o mercado artesanal e repetiránse as exhibicións e obradoiros de Esgrima antiga e os bailes medievais coa Asociación Cuna da Moura.
Para as 18:00 horas está prevista a celebración da xusta medieval na Praza da Chousa. De novo, ás 19:30 horas, Moura Teatro percorrerá as rúas co "Touporoutou da lúa e do sol" acompañados de gaiteiros percusión, pandeiretadas e cantos.
Por último, ás 21:000 horas, será a Noite de Lume e Trevóns coa batucada Os Queimacasas, malabaristas e o Gran Dragón polas rúas.
Relacionadas:
-
Combarro viaxa ao seu pasado medieval para celebrar a xesta do seu veciño Colón
Por Cristina Saiz |
-
Combarro vístese de medieval para celebrar o Día de Colón
Por Redacción |
-
Petete achega a teoría do Colón galego aos escolares de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Ramón Pedras, 'Petete', cumpre a súa promesa co Día de Colón e será o pregoeiro da décima edición
Por Redacción |
-
Os particulares xa se poden inscribir para participar nos xantares e ceas na rúa polo Día de Colón
Por Redacción |