Un hospital inglés busca enfermeiras en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O Colexio de Enfermaría de Pontevedra acolleu a pasada semana unha preselección de candidatos para os distintos postos ofertados polo Luton and Dunstable University Hospital NHS Foundation Trust a través da consultora de selección Kate Cowhig Recruitment.
Esta empresa, xunto ao prestixioso Hospital británico, sito a 50 quilómetros de Londres, ofrece múltiples oportunidades de traballo para enfermeiras en distintos servizos: Medicina Xeral, Cirurxía, Quirófano e Unidade de Coidados Intensivos.
As enfermeiras que pasaron a preselección enfróntanse agora a unha entrevista persoal directamente co Hospital. As entrevistas levaranse a cabo en Madrid o 25 e 26 de febreiro.
Ofrécenlles contratos permanentes con salario medio anual de entre 25.310 y 32.215 euros, segundo experiencia, por un contrato laboral de 37,5 horas de traballo á semana e que inclúe 27 días de vacacións e 8 días festivos.
Ademais a oferta inclúe apoio e programa de orientación inicial, a posibilidade de seguir estudando e axuda co aloxamento. (O primeiro mes de aloxamento é gratis). A incorporación está prevista entre abril e maio
O Luton and Dunstable University Hospital, é un centro sanitario que se encontra situado a 25 minutos de Londres en tren.