Biodiversidade, igualdade e respecto polo medio conviven nunha cidade submarina "de fábula"
"Somerxida no máis profundo do océano atópase a cidade máis bela que poidades imaxinar". Un espazo submarino no que transcorren as trepidantes aventuras dun grupo de animais mariños. 'Ciudad Femupo' é o nome deste lugar e o título do conto que a Federación Pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) está a levar aos colexios da Ría de Pontevedra para concienciar sobre o coidado da contorna e promover valores de igualdade e inclusión social entre os máis novos.
A presidenta de Femupo, Raquel Touriño Casal, explica que este proxecto naceu de entender que a igualdade se pode fomentar dende diferentes vías. Un destes camiños é o coidado do medioambiente. "Non hai nada máis transversal que educar dende pequeniños que, se ti es capaz de coidar a contorna que che rodea, vas ser capaz de coidar ás persoas que están nesa contorna", declara.
Outro dos valores presentes en 'Ciudad Femupo' é a biodiversidade. Neste sentido, comenta que "a acción se desenvolve nas Illas Cíes, con animais diversos que conviven, o que debería ser o mundo, onde todos somos diferentes". Entender estas diferenzas e protexer ás persoas e a contorna onde vivimos, "ao final pódenos levar tamén a loitar contra a desigualdade e contra a violencia de xénero nun futuro", obxectivos que promove esta federación de mulleres.
Este conto está destinado a centros de educación infantil e primaria, polo que o primeiro reto era deseñar unha historia coa que "educar os nenos pequenos dunha maneira divertida", indica Touriño Casal. Escrito por Milagros Domínguez e ilustrado por María Porto, contén unhas actividades para colorar e un cubo marítimo.
Os protagonistas de 'Ciudad Femupo' son un polbo e un atún. "Non son animais da mesma familia zoolóxica e aí é onde profundamos na importancia do respecto a outras especies, de coidarnos e de traballar todos xuntos". Da mesma maneira que cada ser mariño ten un papel vital no ecosistema, cada persoa ten o seu lugar na sociedade. "Negarlles unha contorna saudable é negarlles igualdade de oportunidades", manifestan dende Femupo.
De modo presencial, "levamos 20 colexios e seguiremos indo todo o ano ata que se nos acaben os exemplares", puntualiza a presidenta. Unha traballadora social dinamiza esta actividade en cada centro escolar. "Aos nenos gústalles e enténdeno, para nós isto era moi importante, o libro é moi gráfico e, ademais, trae unha moral explicada", para que tamén poidan seguir traballándoo nas súas casas.
Tal é a implicación dos máis pequenos na historia que se relata, que nestes meses de difusión do conto sucédense as anécdotas. "Contáronnos algúns pais que os nenos non lles apetece comer unha serie de cousas porque están no conto: como vou comer a Ledicia!, dinlles", comenta Raquel Touriño cun sorriso.
Dende a Federación Pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra móstranse moi satisfeitas pola grande aceptación que ten o proxecto nos colexios de Pontevedra, Poio e Marín, as localidades ás que está destinado. Tamén están a atender peticións de concellos próximos, aos que mesmo llo envían por Internet para que poidan utilizalo na aula. "Nós estamos encantadas en seguir ampliando esta rede de educación no coidado da contorna, en respectarnos e tolerarnos xa dende pequeniños", engade a presidenta da Federación.
'Ciudad Femupo' é un proxecto beneficiario do Plan Social de Ence. Neste sentido, Raquel Touriño destaca a sensibilidade e o interese mostrado por parte da compañía pontevedresa no labor que desenvolve a Federación Pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra, tanto neste proxecto como con vistas a poder crear outras vías de colaboración no fomento da igualdade e o respecto pola contorna.