Eduardo Pondal, outra vez a escuras
Por Redacción
Arredor das 9:30 da noite cando moitos veciños da rúa Eduardo Pondal se sentaban fronte ao televisor para ver o partido de fútbol entre o Levante e o Real Madrid, para comprobar a denuncia sobre a "dedocracia" no programa Salvados do Follonero ou para ver calquera programa de entretemento televisivo, produciuse un apagamento de luz de máis de media hora de duración.
Inicialmente, a corrente eléctrica mantíñase de xeito intermitente con continuos fallos na subministración. Nalgúns momentos, os problemas do abastecemento só afectaban á vía pública e non aoalumeado dos xardíns nin aos edificios pero ás 21:35 o apagamento foi total e mantívose durante apróximadamente media hora.
Nesta ocasión non só afectou ao iluminado público como sucede con bastante frecuencia na rúa Eduardo Pondal senón que tamén produciuse nas vivendas particulares. Os veciños tiveron que recorrer a lanternas e candeas e algún deles quedou encerrado no ascensor cando intentaba acceder á súa vivenda.
Sobre as dez da noite volvía a luz á zona. Non obstante, un cuarto de hora máis tarde volvía producirse un novo corte no abastecemento eléctrico aínda que, nesta ocasión, só durou cinco minutos.
A redacción de PontevedraViva púxose en contacto co servizo de comunicación de Gas Natural Fenosa que sinala que no seu rexistro de incidencias só se recolle que a instalación dun particular provocou unha avaría que fixo saltar a rede. Segundo os seus datos afectou a 922 clientes, 293 deles tiñan a subministración continuada aos 3 minutos de rexistrarse a incidencia mentres que 629 tardaron sete minutos en contar con corrente eléctrica. As zonas afectadas, segundo a empresa, foron A Parda, a zona da Estación de Autobuses, Conde Bugallal e Eduardo Pondal.