A Policía Local de Vilagarcía inspeccionará as terrazas da Baldosa
Por Redacción
A instalación de biombos e toldos cortaventos, sobre todo, na zona da Baldosa provocou unha nova situación de enfrontamento entre os hostaleiros e o Concello de Vilagarcía, que entende que se están a incumprir a ordenanza municipal na instalación de veladores e, polo tanto, esixe que se retiren eses elementos que carecen de licenza municipal.
O Concello vai requirir a todos os hostaleiros con terrazas que legalicen a súa situación presentando os permisos que xustifiquen a instalación ou solicitando a concesión de licenza. Segundo expón o goberno local de Vilagarcía, a ocupación de chan público está suxeita á concesión previa do permiso municipal, que será expedido despois de que a Comisión de Seguimento de Terrazas, formada por técnicos do Concello e a Asociación de Hostalería e Iniciativas Turísticas (Ahituvi) estude os proxectos presentados.
A Policía Local realizará unha nova inspección de todas as terrazas existentes e dende o Concello esperan que os empresarios colaboren para que a ocupación de chan público sexa compatible coa libre circulación polas rúas e o acceso aos domicilios e negocios.
Os empresarios con negocios de hostalaría sinalan que a supresión das terrazas cubertas levou consigo unha importante perda de clientes e consideran que a ordenanza municipal lles está a causar graves prexuízos e reclaman unha normativa que lles permita instalar veladores que garantan a protección dos clientes ante o mal tempo