A maioría do plantel de Coserpont arremete contra a CIG e é partidaria do ERE presentado pola empresa
Por Anxo Lourido
Unha maioría dos traballadores de Coserpont, 26 traballadores dos 34 que se ven afectados polo Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo que formula a empresa, emitiron un comunicado no que rexeitan o sindicato CIG como representante do persoal e mostraron a súa desconformidade coas palabras de Rafael Iglesias, representante da central nacionalista.
Nunha rolda de prensa realizada en Comisións Obreiras (CC.OO.) en compañía do secretario comarcal José Luis García Pedrosa, estes traballadores encabezados por Eva Viñas leron o comunicado no que afirman que discrepan das opinións vertidas polo sindicato CIG en todo o relativo ao expediente de regulación de emprego, aseguran que non se senten representados por ese sindicato e que solicitaron a CC.OO. que lles asesore no novo proceso de negociación do ERE.
Segundo a versión destes empregados de Coserpont, a CIG intento impedir o desenvolvemento da asemblea na que se ía seleccionar os representantes, que permite a lei, para formar parte da comisión negociadora que terá que reunirse coa empresa para abordar o ERE extintivo. José Luis García Pedrosa apuntou que Rafael Iglesias, acompañado de Xabier Aboi, intentaron "de maneira nada democrática" rebentar a reunión para condicionar o proceso de selección "no que só teñen dereito a intervir os traballadores". Os empregados afirmaron que ninguén da empresa impedira a entrada dos sindicalistas á reunión do equipo e que eles mesmos chamaran a Policía para que mediase no enfrontamento.
Indicou que a maioría do equipo se mostra molesta porque o sindicato nacionalista presentou unha reclamación ante o Xulgado do Mercantil que retarda todo o proceso de inicio da negociación do ERE: "A CIG quere protagonismo nos medios pero, namentres, os traballadores non cobran nin poden ir ao paro. A CIG está enmerdando este proceso para que non se constitúa a comisión negociadora". Segundo García Pedrosa, "o que Rafael Iglesias buscaba é que, se nun prazo de 15 días non se escollen representantes, o Xulgado do Mercantil designase como representantes aos sindicatos".
Segundo explicou Eva Viñas, a maioría do persoal aceptaría os 20 días por ano traballado porque saben a situación da empresa e rexeita as acusacións realizadas polo dirixente da CIG sobre as contas de Coserpont: "Gustaríame preguntarlle ao señor Igrexas se algunha vez traballou connosco, se tanto sabe dá nosa empresa. Ante todo somos persoas. Nunca imos por diante nin insultando nin meténdonos na vida privada de ninguén. Por favor, que nos deixe resolver este tema. Todos temos familias e queremos comer. Non pedimos nada máis." Afirman que ninguén está a cobrar por detrás e que se encontran a expensas do que di o xulgado e sinalan que non están dispostos a estar en conflito con Rafael Iglesias "chamando á policía cada vez que teñamos unha reunión".
Os traballadores encóntranse agora á espera da resolución por parte do Xulgado do Mercantil sobre a reclamación presentada pola CIG para iniciar a negociación do ERE.
Dende o sindicato CIG xa se convocou unha nova rolda de prensa para este xoves 27 coa intención de dar resposta a estas críticas.
Relacionadas:
-
Rafael Iglesias: "CC.OO. aparece agora como o avogado defensor dos pelotas de Coserpont"
Por Redacción |
-
A CIG denuncia novas irregularidades por parte de Coserpont na negociación doutro ERE
Por Redacción |
-
O xulgado tomba o ERE de Coserpont, que afecta a 34 traballadores
Por Redacción |
-
Rafael Iglesias, da CIG: "Algo cheira mal en Coserpont"
Por Redacción |