Costas da o último paso para rebaixar o deslinde de Lourido, Campelo e Covelo
Por Redacción
Costas deu o último paso para confirmar que recoñece os núcleos do litoral de Covelo, Lourido e Campelo como núcleos consolidados. Fíxoo publicando no Boletín Oficial do Estado a aprobación dos planos modificados cos deslindes de Poio, unha acción contra a que tan só cabe recurso ante a Audiencia Nacional.
A Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio notifica a través do BOE a "modificación da anchura da servidume de protección do deslinde do tramo de costa que comprende a totalidade do termo municipal de Poio".
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, fai unha valoración "moi positiva" de que se recoñezan os núcleos de Coveo, Lourido e Campelo, pois significa que regulariza a situación" de centos de vivendas, se ben recorda que agora o Concello ten que adaptar o seu Plan Xeral a estes novos planos e que aínda quedan por resolver os recursos que presentaron ante o Tribunal Supremo para que Costas recoñeza outros catro núcleos do litoral máis en Poio.
Con este anuncio ponse fin á existencia de centos de vivendas fóra de ordenación e confírmase o xa adiantado por Costas en decembro de 2011 de que a liña de protección se adaptaría se rebaixaría de 100 a 20 metros en Covelo, Campelo e Lourido.
Os novos planos revisados por Costas e aprobados en función da súa publicación no BOE afectan, segundo o texto, "ao deslinde dos bens de dominio público marítimo-terrestre do tramo de costa duns 17.402 metros de lonxitude, que comprende a totalidade do termo municipal de Poio".
Ao citar estes metros no documento do BOE, seméntanse dúbidas que o Concello de Poio aínda non puido despexar acerca de se esta modificación da anchura da zona da servidume de protección afectan ou non a todo o municipio. O BOE fai referencia tan só ás zonas de Covelo, Lourido e Campelo, pero eses núcleos non engloban a totalidade do termo municipal, quedarían os catro que están pendentes de recurso.
Tras a súa publicación no BOE, ponse fin á vía administrativa. As administracións públicas que queiran recorrer poderán facelo interpoñendo recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional. Os particulares poderán tamén interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes ante o Ministerio de Agricultura.