Cada vez acoden menos concellos á caixa de anticipos da Deputación
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra garántelle aos concellos da provincia adheridos ao ORAL anticipos por un importe de máis de 53 millóns de euros, que se distribúen en contías mensuais ata o mes de outubro; dos cales 4,3 millóns serán para os 7 concellos da área de Pontevedra.
O presidente da Administración Provincial, Rafael Louzán, asinou este xoves co director do Banco Santander en Pontevedra, Enrique Daniel Facal Da Costa, unha póliza de crédito por un importe de 12 millóns de euros.
Con esta póliza a Deputación dispón dunha garantía adicional para que, en caso de que por cuestións sobrevidas teña nalgún momento falta de liquidez, os Concellos terán garantido de igual forma o pagamento puntual destes adiantos.
A contía solicitada este ano é substancialmente inferior á de 2013, cando ascendeu a 30 millóns de euros. Esta redución obedece, segundo salientou Louzán, "á boa situación de tesourería da Deputación que, grazas a unha boa xestión económica, dispón da liquidez suficiente para ter a seguridade de que poderá abordar con recursos propios a maioría destes adiantos".
Rafael Louzán destacou as "condicións favorables" da operación co Santander, que se presentou ao concurso público xunto con outras 6 entidades e ofreceu as condicións máis vantaxosas. O crédito terá vixencia ata o 31 de decembro deste ano e establece un tipo de interese do 1,99% sobre o Euribor. Este interese só se aplicará a aquelas cantidades efectivamente dispostas, non tendo custe algún a parte do crédito que non se utilice.