A Deputación retirou 64 vehículos abandonados dos montes e cunetas da provincia
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra retirou en 2013 un total de 64 coches de diferentes puntos da provincia, no marco dun servizo que a Administración provincial ten en marcha para solucionar un problema que non só afecta á estética das vilas e cidades, senón que supón un serio risco para o medio ambiente.
A posta en marcha desta iniciativa, que se iniciou en 2011 a modo de proxecto piloto, tivo unha moi boa acollida polos concellos, que en moitos casos carecían de medios materiais e económicos para prestar o servizo de forma individual e que se adheriron maioritariamente ao plan da Deputación.
O plan, que se desenvolve por medio dun convenio de colaboración entre a Deputación e unha empresa autorizada para a xestión dos vehículos en desuso, non supón custe algún para os concellos e permite a retirada dos vehículos, a súa desmontaxe para a reciclaxe de pezas e venta do material aproveitable, e a posterior destrución e descontaminación.
O concello no que máis vehículos se retiraron en 2013 foi Marín, con 21 automóbiles (o 33% do total).