O Concello de Cotobade e a Deputación mellorarán o acceso á Vila de Arriba dende a Igrexa de Sacos
Por Redacción
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, mantivo unha reunión co alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, na que manifestou o compromiso da institución provincial para mellorar varias vías de comunicación entre as que destaca o acceso á Vila de Arriba dende a Igrexa de Santa María de Sacos.
A obra centrarase no ensanchamento da estrada de acceso a Vila de Arriba, na que se pretende eliminar varias curvas e ampliar o trazado dalgúns puntos, porque o seu estado actual dificulta a visibilidade e implica riscos para o tráfico e os peóns.
A Deputación financiará estes traballos que o concello deberá xestionar e obter os terreos. Neste sentido, Jorge Cubela xa entrou en conversacións coa Comunidade de Montes, que xa lle mostrou a súa disposición a colaborar coa cesión dos terreos.
SUBIDA A ALMOFREI
Cubela tamén sinalou que os veciños cederon os terreos para que a Deputación poida iniciar a redacción do proxecto de execución para levar a cabo as obras da Subida de Almofrei. O presidente provincial comprometeuse a atender as demandas veciñais e a repoñer todos os bens e servizos que se ven afectados por estas obras.
En canto ao campo de tiro olímpico de Borela, o alcalde de Cotobade sinalou que está á espera de do permiso de Urbanismo para iniciar a construción deste proxecto que ten como obxectivo dinamizar economicamente a zona. A entidade provincial ten previsto executar os traballos en varias fases.
CAMPO DAS ESTREMAS
Rafael Louzán tamén transmitiu que entre abril e maio comezará os traballos para dotar de herba sintética o Campo de Fútbol As Estremas, no que se adestran 200 nenos das escolas deportivas, tres equipos de veteranos, ademais dos equipos federados de Cotobade e Caroi.
Por último, Cubela nesta reunión solicitou o apoio do Parque de Maquinaria da Deputación para acometer melloras no ámbito do Observatorio Astronómico, da Casa do Pobo de San Xurxo de Sacos e do recinto da Igrexa de Valongo.