Xulgan unha moza por intentar poñer en circulación 60.000 euros en billetes falsos
Por Redacción
A Sección segunda da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para o próximo xoves día 13 de marzo o xuízo contra unha pontevedresa acusada de intentar adquirir 60.000 euros en billetes falsos para poñelos en circulación.
Segundo o relato dos feitos que fai a Fiscalía, a acusada Mónica C.G., de 32 anos, coñecía unha persoa que dispoñía de numerosos billetes de euros falsos.
O día 11 de abril de 2011, a acusada púxose en contacto con el, e tras a recepción dun billete de mostra, acordou pagarlle 3.000 euros a cambio de 120 billetes falsos de 500 euros (o que supón un valor aparente de 60.000 euros) "que a acusada empregaría para poñer en circulación co conseguinte beneficio para ela" segundo sostén o Ministerio Público.
Na execución deste plan, Mónica aboou o diñeiro pactado nunha conta e enviou unha persoa da súa confianza para recoller os billetes falsos en Madrid.
A Fiscalía de Pontevedra pide para ela unha pena de tres anos e seis meses de prisión e unha multa de 120.000 euros, coa responsabilidade persoal subsidiaria en caso de non pagamento, concretada nun día de privación de liberdade por cada 500 euros impagados.
A acusada estivo privada de liberdade, por detención policial, o día 13 de abril de 2011. O día seguinte acordouse a medida preventiva de prisión provisional eludible mediante a prestación dunha fianza de 12.000 euros, que foi ingresada o mesmo día, quedando dende ese momento a acusada en situación de liberdade provisional.